Entrevista | Javier Gestal Alcalde de Carral e candidato por Alternativa dos Veciños

“Ao entrar foron a comernos. Sabes unha ovelliña rodeada de lobos? Estabamos igual”

“Con esta persoa á fronte non pactaría co PSOE. Gobernaríamos como estamos agora”

O alcalde de Carral e candidato de Alternativa dos Veciños, Javier Gestal.

O alcalde de Carral e candidato de Alternativa dos Veciños, Javier Gestal. / CARLOS PARDELLAS

Que balance fai do mandato?

Contento. Con moitísimo traballo. Tivemos moi mala sorte que nos colleu a pandemia, isto da guerra... Aos dous anos tamén os socialistas, cando entrou a pandemia, deberon ver o panorama difícil, e marcharon.

Eles dicían que non lles deixaban gobernar realmente.

Pero é que quen ten que gobernar é o alcalde.

E os socios de goberno non?

Os socios de goberno teñen que colaborar co goberno.

E non colaboraban?

Unha cousa é querer mandar e outra colaborar nun goberno. Eu o que non che podo permitir é que decidas o que che dea a gana sen contar comigo. Non houbo coordinación, era imposible con esta xente.

Aforraron discusións pero quedaron con moi difícil gobernabilidade.

Non. Eu ía a un pleno e tiña o mesmo problema, se me ía aprobar algo. Estaba sempre en contra das decisións que tíñamos nós. Pedíame é que o botara: “Échame”. Yo, nunca. Dixen: “Xa marcharás”. Que fixen? Fun apartándoo, iso si. Aparteino todo o que puiden e decidiu marchar.

E si se da unha situación parecida, pactaría co PSOE ou o apoiaría?

Espero que non.

Que non que?

Gobernaríamos como estamos agora.

En minoría?

Si. Eu nunca faría un pacto con esta persoa.

E con outros grupos?

Pode ser. Un BNG depende, sería cuestión de analizalo. Co PP desde logo non. E desde logo co PSOE con esta persoa á fronte, non. Si, ao mellor, esta persoa non está á fronte, eu non tería problema.

Pediría a cabeza para falar?

Claro.

E renunciarían a gobernar con tal de non aceptarlle un “si” a Couto?

Eu conto con ser a lista máis votada e con iso a Alcaldía cólloa.

Se non pactan PSOE e BNG.

Claro, esperemos que non.

Cales son os seus tres principais proxectos para o novo mandato?

O primeiro que temos, que é unha pena que estivera o PP 16 anos e teñamos un saneamento en Carral sen construír. Cando nós entramos, xa levaban desde 2010 con sancións da Xunta. Fomos a Augas, presentamos o proxecto na convocatoria de Transición Xusta, non nolo deron.

Por defectos na presentación.

A ver… que lle vendan a camioneta a quen lles dea a gana. Si non cho dan, non cho dan. É como cando che daban para a [estrada] xeral aquí a subvención do IDAE.

O detonante da ruptura co PSOE.

Pero como vou coller eu unha subvención se... Cando entramos tiña o PP pedidos 3,4 millóns do decretazo de facturas no caixón de 2012, un préstamo da Deputación de 180.000 euros, outro de 167.000. Iso está sen pagar. Outro de 169.000 euros. Onde se metían aquí os cartos? Entramos con débedas. Hoxe hai 741.000 euros. E claro que quería, como non ía querer un proxecto para a xeral? Pero para min ten máis prioridade o saneamento. Sei que vou gañar máis votos si fago uns floreros na xeral, e uns arbolitos e unhas jardineras. “Hostia! Que alcalde, que chulería, que bonito puxo este centro!”. Que me encantaría. Pero pido un informe en Intervención e dime...

Pa onde vas?

Pa onde vas. Fun á Deputación pedir cartos e sabes que me contestaron? Que non era unha entidade bancaria. Pedímolos aos bancos. Sabes que me dixeron? Dous nin me contestaron. Outros dous, que nai nai. E as subvencións do IDAE tiñas que pagalas por anticipado. Como o vou coller? Empezamos a encarrilarnos. Os orzamentos de 2020, 2021 e 2022 xa foron positivos. E xa non hai facturas no caixón. Saímos no listado: Carral, Oleiros e Abegondo.

Canto manda Gelo en Carral?

Nada.

Nada de nada?

Nada. Gelo é presidente do partido e no seu concello fará o que lle dea gana e eu no meu fago que me dá a gana. Teño que seguir, como un PSOE ou un PP, unhas directrices.

Dixera vostede que lle consulta.

Eu si. Imaxínate, unha dúbida para tramitar subvencións. Nós, cando entramos, foron a comernos. Sabes unha ovelliña cando está no medio rodeada toda de lobos? Pois nós estábamos igual e non tiñamos puñetera idea. E todos os plenos igual... despois véñenche as preguntas, “lárguese de aquí”, “non vale para isto”...

E aínda queren outro mandato en minoría! Seguro?

Unha vez que te acostumas. É como... Como é? O burro do gitano.

Creo que ao final morría...

Morreu. Bueno, pois… (ri).

Como está o PXOM?

Estamos traballando, revisando.

Que quería facer e non puido?

A depuradora. É que non me deixa durmir. Compramos tres fincas.