Alumnos do IES Isaac Díaz Pardo de Sada participaron onte nunha xornada formativa da segunda edición do proxecto A Coruña Emprende 2, unha iniciativa organizada pola Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria na que colaboran a Fundación Alcoa e LA OPINIÓN, que busca fomentar o espírito emprendedor entre os máis novos para mellorar a súa inserción laboral unha vez que rematen a súa formación académica.

O xerente do estudio de deseño Imaisdé da Coruña, Pablo Crespo, amosou a uns 70 estudantes do centro os segredos do design thinking como xa fixera a comezos de marzo cos docentes da comarca no CIFP Someso. A ponencia de Crespo centrase unha metodoloxía para xerar ideas innovadoras que centra a súa eficacia en entender e dar solución ás necesidades reais dos usuarios. E tamén na súa experiencia de uso e nas emocións que sinte. Esta disciplina emprega precisamente a sensibilidade e métodos dos diseñadores para facer coincidir as necesidades das persoas co que é tecnolóxicamente factible e co que unha estratexia viable de negocios pode converter en valor para o cliente, así como nunha oportunidade para o mercado. Con esta actividade o experto tentará dar aos asistentes o coñecemento desta nova alternativa metodolóxica para que poidan ver as cousas desde un punto de vista diferente.

Crespo destaca que aprendeu esta filosofía de traballo durante a súa formación en Italia e en Imaisdé recurren desde hai oito anos a ela. Esta filosofía de traballo empregase no deseño para levar a cabo proxectos cun enfoque innovador, multidisciplinar e colaborativo.

O experto sinala que o design thinking é "modulable e adaptable" a calquera tamaño da empresa e xa é unha das ferramentas que máis empregan multinacionais como Nestlé, Porsche, Nespresso ou ING para crear os seus novos produtos. Servizos como Spotify, reinvencións na banca como ING, creacións de novos segmentos de coches como o X5 de BMW ou o sistema de cápsulas de Nespresso son -apunta- algúns dos exemplos de como o design thinking pode axudar ás entidades a crear productos e servizos de éxito. O responsable de Imaisdé sinala que se aplica sobre todo en proxectos "innovadores, multidisplinares e colaborativos que se centran nas necesidades dos usuarios". Con esta charla impartida no IES Isaac Díaz Pardo de Sada, Pablo Crespo pretende dar aos profesores asistentes "unha alternativa" para que sexan capaces de innovar nos seus postos de traballo e nos servizos e produtos que oferten como profesionais independentes.

Ademais das xornadas formativas para alumnos e docentes, o programa A Coruña Emprende 2 complementase con visitas dos alumnos a empresas, entrevistas con empresarios da zona, un concurso de idea e de negocio e outro de proxectos de miniempresas. Nesta segunda edición de A Coruña Emprende participan escolares e docentes de Primaria, Secundaria e Formación Profesional (FP) de 15 colexios e institutos da Coruña e a súa área metropolitana.