05 de noviembre de 2018
05.11.2018

A feira do 'gourmet' galego

Máis de 90 produtores participarán do 10 ao 12 de novembro no evento "Etiqueta Negra. Gourmet galego e innovación inspiradora"

05.11.2018 | 15:14
Asistentes a feira ´Etiqueta Negra´. // M. Vidal

Viños, licores, vermús, cervexas, refrescos 100% naturais, cafés, infusións, marmeladas, galletas, tortas, doces, xeados, produtos de quinta gama, aceites, queixos, patés, carnes, congro seco, caracois, embutidos, xamóns, conservas, legumes, salsas e aderezos, pans e empanadas? Son algunhas das moitas delicias que se darán cita a vindeira fin de semana no Recinto Feiral de Pontevedra, na terceira edición da feira Etiqueta Negra gourmet galego e innovación inspiradora, unha iniciativa da Concellaría de Promoción Económica e da Cidade de Pontevedra. O evento celebrarase do 10 ao 12 de novembro en horario ininterrompido de 11.00 a 21.00 horas tanto o sábado como o domingo e o luns ata as 20.00 horas.

Máis de 90 produtores exporán a ampla variedade de produtos e bebidas de alta gama que se están a facer en Galicia e os procesos de innovación, sabores e envases nun recinto de máis de 4.000 metros cadrados. Coa intención de poñer en valor a imaxe do sector gourmet galego, o Concello de Pontevedra organiza esta feira profesional que abre as súas portas a un público cada vez más especializado e esixente co que come. A feira xa vai camiño de converterse nun dos eventos gastronómicos referentes do país dando a coñecer as tendencias de mercado e ao difundir a excelencia dos produtos gourmet e delicatessen galegos. Trátase por tanto, do mellor escaparate para presentar o potencial deste mercado, que conta con produtos de calidade, elaborados coas mellores materias primas.


Ademais da actividade na zona expositiva, a feira está dividida noutras cinco zonas que contan cun completo programa de actividades. Así no Anfiteatro Mahou desenvolveranse os showcookings en directo de novas promesas da cociña galega e de prestixiosos chefs galegos como Pepe Solla (Casa Solla), Lucía Freitas (A Tafona Casa de Xantar) e Iñaki Bretal que protagonizan ademais a campaña publicitaria de Etiqueta Negra 2018. Pepe Solla presentará a proposta de Casa Solla deste ano, Freitas un Menú Etiqueta Negra e Bretal como cociñar os produtos do noso mar. Boi galego preparado por Héctor López, de Restaurante España; a mellor tapa de Galicia do pasado ano, a vieira afumada carballoelaurel sobre arroz de algas de Rubén González (El Cafetín de la Alameda); os sabores e cores de México con Rómulo Mendoza (Roldán 37), un dos expoñentes da alta cociña mexicana; faceira galega con toques tropicais de Ketty Fresneda, finalista de MasterChef 6; as fabas de Lourenzá con polbo de Benigno Campos, cociñeiro e presentador do programa Larpeiros ou a proposta de Diego López (La Molinera) serán outras propostas culinarias que se amosarán neste espazo. Na xornada matutina do luns haberá dous showcookings con degustación para 100 persoas elaborados polo alumnado do CIFP Carlos Oroza de Pontevedra e do Obradoiro de Emprego Hostelería do Salnés X.

No Espazo Etiqueta terán lugar actividades de formación e presentación de produtos. Entre outras, os asistentes aprenderán a facer enchiladas de mariscos ou tortillas e salsas mexicanas con Rómulo Mendoza, descubrirán os segredos do aceite de oliva con Galeo, como preparar un bo café na casa co barista e tostador profesional Gonzalo Rodríguez (El Club del Café), que tamén impartirá un curso de iniciación de barista. O community manager e blogger Alberto Ribas ensinará como difundir as creacións culinarias nas redes sociais no taller Do prato á Rede, mentres que Daniel Punzoni, do CIFP Carlos Oroza, amosará técnicas de empratado. Tamén se poderá vivir unha Gastroexperiencia Mahou con Rafa Centeno do restaurante Maruja Limón.

Na Zona de Catas, desde as 11.30 horas en quendas de 30 minutos, os produtores realizarán de forma continua demostracións, degustacións, maridaxes, catas... E a Deputación de Pontevedra volverá instalar a súa Tetería para coñecer os tipos de té producidos en Galicia. As cinco sesións de EN_PARELLA té. Descubre o té galego en duetos correrán a cargo de Carmen Salinero, xefa do Servizo da Estación Fitopatolóxica de Areeiro.

Etiqueta Negra será tamén unha plataforma de negocio para as empresas do sector. Nas tres xornadas desenvolveranse no Punto de Encontro Profesional reunións dos expositores con exportadores, tendas gourmet, restauradores... como apoio ao acceso en novos mercados e a expansión dos seus negocios.

As actividades na Zona de Catas, no Espazo Etiqueta e na Tetería da Deputación Provincial requiren inscrición previa nos espazos, desde unha hora antes do comezo da actividade. Algúns cursos e talleres requiren tamén pago previo na web etiquetanegragourmet.com.

Compartir en Twitter
Compartir en Facebook