26 de julio de 2019
26.07.2019
Contenido Patrocinado

PuntoGal patrocina as seleccións galegas de fútbol gaélico nos xogos mundiais de Irlanda que comezan o 28 de xullo

Os equipos da Bretaña e de Arxentina son os primeiros rivais das seleccións galegas de fútbol gaélico nos mundiais que comezan o 28 de xullo en Waterfod, Irlanda

26.07.2019 | 12:31
PuntoGal patrocina as seleccións galegas de fútbol gaélico nos xogos mundiais de Irlanda que comezan o 28 de xullo

O fútbol gaélico é unha variante de fútbol que se xoga nun campo rectangular con porterías en forma H. Os equipos, de 15 xogadores (11 en Galicia), avanzan polo campo pasándose o balón coas mans ou cos pés, ou golpeándoo, ata que anotan un gol que vale 3 puntos, 1 punto se lanzan o balón por enriba do longueiro. O presidente da Asociación Galega de Fútbol Gaélico (AGFG), Ángel Negrete, sinala que "o caso do fútbol gaélico en Galicia é único en Europa: nun deporte de orixe irlandés habitualmente xogado por emigrantes irlandeses, en Galicia case todos os xogadores son autóctonos. Hai só 9 anos que se formou o primeiro equipo, 7 dende que hai Liga Galega, e na actualidade contamos con máis de 300 xogadores e xogadoras federados, 21 equipos e cunha selección galega que dan a talla a nivel mundial".
 
Negrete afirma que este deporte "engancha por varios motivos. A nivel deportivo é un deporte diferente, moi dinámico, vivo e divertido de practicar e tamén de ver, requerindo de habilidades e coordinación tanto do tronco superior como do inferior, aínda que os movementos básicos apréndense con facilidade. É un deporte de natureza amateur, isto é, ningún xogador cobra por xogar (o luns sempre toca levantarse para ir a traballar). E non podemos esquecer outra das grandes características: o terceiro tempo. O que pasou no campo quedou no campo; iso da oportunidade de coñecer moita xente".
 
A capitana da selección feminina, Ánxela Estévez, pensa que  "o gaélico é un deporte cun gran compromiso pola igualdade, onde é salientable tanto o reparto equitativo dos recursos económicos e loxísticos como a mesma visibilización dos equipos por parte da asociación. Sen embargo, no gaélico femenino, seguimos tendo dificultades asociadas ao simple feito de ser un deporte femenino como pode ser a falta de xogadoras, que acarrea que os partidos teñan que ser na metade do campo e que contemos con menos equipos na liga femenina." Sen embargo, engade, "os logros acadados demostran que o nivel competitivo, con tan só 5 anos de liga femenina, é alto. Por estas razóns, asistir a campeonatos internacionais como o Europeo ou o Mundial supón un gran empuxe para o deporte femenino porque nos permite acadar unha maior visibilización, sobre todo nos medios de comunicación, e así chegar un número maior de rapazas que poidan unirse e axuden a que este deporte siga a medrar".


 

Deporte de base, amateur e con apego á terra
 

En canto ao equipo masculino, Alexandre Sanmartín, o seleccionador, pensa que "nestes tempos de mercantilización no eido deportivo o futbol gaélico, e por ende o gaélico galego, son unha  contracorrente que fomenta e acredita no deporte de base, amateur e con apego á terra. As nosas xogadoras e xogadores son estudantes, obreiros, médicos e xente do cotián. Xogadores e xogadoras que forman parte desa outra forma de entender e prácticar deporte".
 
A AGFG é, dende 2013, o organismo oficial regulador deste deporte no país. Entre as súas funcións inclúese a organización das competicións galegas (Liga, Copa), a xestión da selección, a promoción do deporte, así como a creación dunhas bases que permitan o seu crecemento no futuro.
 
A historia da selección galega iníciase en Ferrolterra o 20 de xullo de 2012, cando xoga o seu primeiro partido fronte a Bretaña, a quen vence por 5-08 (23) a 3-08 (17). A selección devolveulle a visita a Bretaña o ano seguinte, o 11 de agosto de 2013, durante a celebración do festival de Lorient. Naquela ocasión, o equipo galego perdeu por 3-12 (21) a 1-8 (11).
 
Un dos fitos máis importantes do equipo foi a súa clasificación para os xogos mundiais de 2015 en Abu Dabi, onde o equipo masculino rematou como subcampión, e o feminino foi terceiro. No 2016, nos xogos mundiais de Irlanda, o equipo feminino foi quinto e o masculino, terceiro.
 
O capitán do equipo masculino, Daniel Castro, afirma que  "o futbol gaelico é un deporte que aínda é pouco coñecido na nosa terra, máis estamos a uns dias de xogar o noso terceiro mundial coa seleccion galega. Isto é algo que parecia impensable hai 6 ou 7 anos cando se comezaba a practicar este deporte en Galicia! Cada ano somos máis equipos, o deporte vai tendo algo máis de visibilidade, e tamén hai empresas que deciden pouco a pouco apostar polos nosos clubes e a nosa seleccion. Iso quere dicir que se está a facer un bo traballo, e que cada vez somos mais homes e mulleres practicando futbol gaelico".


 

Visibilidade

 
Un dos seleccionadores do equipo feminino, Pablo da Silva,  asegura que "competicións coma o vindeiro Mundial ou o Europeo do ano pasado, axudan a darlle máis visibilidade ao gaélico galego. Gracias a elas, a xente pode coñecer, a través da selección, que en Galicia se practica este deporte e da a coñecer os distintos clubes existentes en toda Galicia". Da Silva considera que "os clubes fan tamén un labor de promoción, competindo todas as semanas e organizando eventos de difusión, pero para min a selección xoga un papel fundamental xa que ten moita máis pegada".

 

Co apoio de PuntoGal
 

As seleccións galegas contan entre os seus patrocinadores principais co dominio PuntoGal, quen asinou en xuño de 2019 un acordo de colaboración ata finais de 2020, con posibilidades de ampliación. O logotipo de PuntoGal figura xa nas camisola das seleccións o que representa, en palabras do director xeral do dominio, Darío Janeiro, "cumprir cun dos nosos obxectivos fundacionais de involucrarnos en proxectos relacionados coa cultura, a rede ou a sociedade galegas". "O programa corporativo de PuntoGal quere estar presente neste tipo de iniciativas, o que nos permite devolverlle en parte á sociedade a súa confianza no dominio", apunta.
 
Con máis de 5.050 rexistros a día de hoxe, PuntoGal participa tamén doutras actividades como o Culturgal, o concurso de micro-relatos en colaboración coa RAG, a Wordpress Camp de Pontevedra ou a Lego League de Galicia, por citar algúns exemplos.
 
PuntoGal seguirá con moita atención o campionato mundial e deséxalle moito éxito ás nosas dúas seleccións.

Compartir en Twitter
Compartir en Facebook