As ofertas de ocio e lecer ao aire libre volveron a ser as opcións prioritarias no sector turístico deste ano 2021, que estivo aínda moi marcado polas condicións sanitarias da Covid-19.

É o caso das rutas en catamarán pola Ribeira Sacra que ofrece a Deputación de Lugo polos canóns do río Sil e do Miño, que malia as restricións e limitacións de aforo que se prolongaron ata o outono, mantéñense como unha oferta destacada no turismo da provincia, superando a barreira das 26.000 persoas que navegaron nalgunha das rutas operativas

As rutas fluviais en catamarán son un servizo turístico de calidade que xera un efecto multiplicador no resto do territorio, sobre todo nos sectores da hostalería e a restauración

A institución provincial de Lugo apostou por ampliar a temporada, habilitando as rutas xa na Ponte de San Xosé o pasado mes de marzo e prolongando o servizo ata mediados de decembro, dando a posibilidade tamén nos meses de primavera e outono de desfrutar desta tan atractiva oferta turística. Unha decisión, ademais, que camiña cara a desestacionalización do sector, afianzando unha das principais políticas neste eido da Deputación de Lugo.

As rutas en catamarán apuntalan á Ribeira Sacra coma destino de referencia con 26.000 viaxeiros. Cedida

As rutas fluviais en catamarán son un servizo turístico de calidade que xera un efecto multiplicador no resto do territorio e na Ribeira Sacra en particular, en termos de hostalería e restauración, sendo un importante incentivo para o sector servizos, un dos máis castigados pola pandemia. Contribúen ao desenvolvemento económico da provincia a través do turismo e, particularmente, á proxección do territorio. 

Esta comarca é un destino consolidado e cada vez máis demandado polos viaxeiros que desde o escenario xerado pola pandemia da Covid-19 reclaman un turismo tranquilo en espazos naturais como os que ofrece a Ribeira Sacra, ao desenvolverse en todo momento ao aire libre e en pleno contacto coa natureza. 

Actualmente están en marcha dous itinerarios para percorrer en catamarán: un que segue o curso fluvial do río Miño que parte do embarcadoiro de Belesar e outro polo do Sil, saíndo do embarcadoiro de Ponte do Sil. Calquera delas son o punto de partida ideal para coñecer as peculiaridades da Ribeira Sacra, da súa historia e da súa viticultura heroica. 

Canón do Sil

Esta ruta percorre o encoro de Santo Estevo polo Canón do Sil, espazo declarado Zona de Especial Conservación no marco da Rede Natura 2000. O primeiro treito do percorrido, dende a saída en Ponte do Sil a San Cosmede, a ruta permite achegarse á realidade da viticultura heroica, singularizada nas empinadas ladeiras que acadan desniveis de gran verticalidade nas zonas de maior pendente, que se corresponden coa subzona de produción de viño Amandi, da Denominación de Orixe Ribeira Sacra. E é precisamente o viño o que fixo deste territorio un lugar cheo de dinamismo que nos últimos anos se consolidou como un referente para o turismo rural, enolóxico e sostible. 

O segundo treito desta travesía, dende o Priorado de San Cosmede ata o mosteiro de Santa Cristina, perfílase a profunda e rochosa garganta do Sil. Aquí atópase un dos grandes prodixios xeolóxicos de Galicia e desta terra de ermitáns, onde a pegada medieval deixou na contorna dos leitos fluviais unhas das maiores concentracións do románico rural de Europa. Recentemente, a Deputación entrou a formar parte da Ruta Transrománica, un itinerario europeo que recoñece ao románico desta comarca ao máis alto nivel.

As rutas en catamarán apuntalan á Ribeira Sacra coma destino de referencia con 26.000 viaxeiros Cedida

Cabo do Mundo

Esta ruta percorre o río Miño á altura do seu curso medio, ao seu paso polo encoro dos Peares. A travesía bordea os municipios do Saviñao, Pantón e Chantada e caracterízase por transcorrer nun marco xeográfico de gran exuberancia natural, caracterizado pola presenza de vexetación autóctona, pobos da ribeira de notable valor etnográfico, así como vides cultivadas da Denominación de Orixe Ribeira Sacra. 

Percorrer o río Miño supón mergullarse nun auténtico remanso de paz, revivir a memoria dos pobos somerxidos trala construción do encoro, e achegarse á historia e á cultura fluvial dunha época na que a presenza do río rexía a vida cotiá dos seus habitantes. Ademais, permite contemplar un das paraxes míticas e imprescindibles da Ribeira Sacra: o coñecido meandro de Cabo do Mundo, unha pronunciada curva que o río describe entre os municipios de Chantada e O Saviñao.

As rutas en catamarán apuntalan á Ribeira Sacra coma destino de referencia con 26.000 viaxeiros Cedida

Horarios e reservas 

Desde finais do pasado mes de outubro, as embarcacións da Deputación de Lugo xa están funcionando ao 100% da súa capacidade. Ata a ponte de decembro poderanse realizar calquera das rutas operativas, que neste mes de novembro funcionan todas as fins de semana con saídas ás 11:30 horas e ás 16:00 horas sábados e domingos. Na ponte de decembro haberá embarcacións funcionando dende Ponte do Sil e Belesar o luns 6 de decembro, o martes 7 de decembro e o mércores 8 de decembro. 

A institución provincial recoméndalle aos visitantes realizar a compra de billetes na web reservas.rutasembalses.es, aínda que tamén se adquirir no propio embarcadoiro. As persoas que o desexen tamén poden reservar o seu billete no correo electrónico catamaranes.turismo@deputacionlugo.org ou no teléfono 982.260.196 en horario de luns a venres, de 09:00 a 14:30 horas.