É ano Xacobeo e o corpo sábeo. Para gozalo como merece, que mellor que descubrilo a través da “Variante Espiritual do Camiño Portugués a Santiago”, que percorre na súa primeira etapa gran parte do fermoso e histórico municipio de Poio, para continuar por toda a comarca do Salnés e que une o Camiño Portugués coa Ruta do Mar. A ocasión perfecta para achegarse ao singular pobo de Combarro, que este 2022 festexa ademais o 50 Aniversario da súa declaración como Conxunto Histórico, cunha programación especial para todo o ano, e que conta tamén cunha nova edición da Guía de Combarro, editada pola Asociación A Solaina. Por suposto, non se pode falar dos atractivos turísticos de Poio sen destacar a Ruta do Padre Sarmiento, que evoca a viaxe realizada por Frai Martín Sarmiento no ano 1745 para gañar o Xubileo. O sendeiro percorre 190 quilómetros de costa, natureza e historia no seu camiño cara Santiago e visita lugares tan salientables de Poio coma o Mosteiro de San Xoán ou a propia vila de Combarro, para logo percorrer a fermosa costa das parroquias de Samieira e Raxó.

Combarro festexa a o 50 Aniversario da súa declaración como conxunto histórico. Concello de Poio

Outra das paradas que non pode perderse o visitante de Poio é a Illa de Tambo, máis aínda agora que o Ministerio de Defensa acaba de ceder ao Concello a xestión da illa por un período de 25 anos (prorrogable ata os 75 anos). Un fito histórico que ten permitido, 70 anos despois, facer realidade unha antiga demanda da cidadanía. Deste xeito, o goberno local promoverá a declaración de Espazo Natural de Interés Local (ENIL) da que é unha das illas máis descoñecidas das Rías Baixas. Ademais, está a elaborar un Plan estratéxico e de usos para por en valor a súa gran riqueza natural e patrimonial, con elementos tan singulares como o lazareto de 1886 que conserva o illote, ademais do polvorín do exército, o seu faro, ou a capela de San Miguel (SXVI).