Día de Galicia 2019

Un botafumeiro de 53 kilos que voa a 68 km/hora

A súa función suprimirase este ano mentres dura a restauración da catedral A Ofrenda Nacional sairá da Catedral a San Martín Pinario

25-07-2019Meneame
Balanceo do botafumeiro na Ofrenda ao Apóstolo. | BERNABÉ<br />
Balanceo do botafumeiro na Ofrenda ao Apóstolo. | BERNABÉ

P.O.C. [A CORUÑA] As primeiras referencias escritas aparecen xa no Códice Calixtino, polo que o rito de balancear o botafumeiro dun lado a outro da catedral compostelá xa podería existir no século XIII. Centurias despois continúa en activo e marabillando aos presentes cando comeza o seu percorrido pendular fronte ao altar maior. Capaz de alcanzar en só minuto e medio unha velocidade de 68 quilómetros por hora, pesa 53 quilos, é de latón bañado en prata e garda unha longa historia.

Un día antes dos fastos do Apóstolo no que foi o último Ano Santo publicábase o primeiro libro dedicado ao turíbulo. Editado polo Consello da Cultura Galega e a editorial Hércules, o volume O Botafumeiro. estudos e evocacións desenvolve análises do botafumeiro tanto como elemento material coma en canto obxecto histórico dende as súas orixes medievais. Así, dende o primeiro ambientador do século XIII houbo cinco máis rexistrados: un regalado por Luis XI de Francia, un que se fixo en 1499 tras saír despedido o de entón e que durou ata 1622, cando se substituíu por outro e que se roubou durante a invasión francesa en 1809, outro de ferro que se mantivo ata mediados do século XIX, e o actual, de latón prateado e de 53 kilogramos de peso.

Aínda que o botafumeiro non se empurra senón que se bombea. A acción lévana a cabo os tiraboleiros, os encargados de tirar das cordas que fan mover o botafumeiro máis grande do mundo. O enorme pebeteiro é un exemplo de amplificación paramétrica mediante bombeo. O traballo dos tiradores amplifica a oscilación do botafumeiro ata elevalo a 21 metros de altura nun arco de 65 metros ao longo do transepto dende a porta da Azabachería ata a de Praterías.
Cando pasa ao rentes faino a unha velocidade de 68 quilómetros por hora, deixando tras de si o seu inconfundible ronsel de fume e aroma a incenso. Son en total 17 ciclos de vaivén que admiran a todos os que observan o movemento. Na súa orixe era instrumento de purificación dunha catedral na que se apiñaban as multitudes. É a hipótese máis difundida, aínda que probablemente dende sempre a súa función fose litúrxica e solemnizadora.
Debido a obras de restauración no interior da catedral non funciona o botafumeiro e as misas ao longo deste ano estanse trasladando a outras igrexas da cidade. A suspensión temporal do culto no altar maior da Basílica apostólica afecta a tódalas liturxias, tamén as máis solemnes e relevantes da Archidiócese. Así, este ano a Ofrenda do Apóstolo de hoxe non se celebrará na catetral por primeira vez na súa historia. Durante este ano de obras no interior de la Catedral a misa do Día do Apóstolo, a Traslación ou as ordenacións sacerdotais celebraranse na igrexa de San Martín Pinario.