Oleiros saca o fouciño
Ducias de veciños xunto cos concelleiros de Alternativa e o propio alcalde desbrozan, sachan e sementan o viaducto da Pasaxe para protestar polo seu estado de abandono
Se todo vai ben, o Ministerio de Fomento poderá apañar as patacas en xullo e colleitar o millo en setembro, conseguindo así, por primeira vez, sacarlle rendimento agrario a unha rotonda. Ducias de residentes, asociacións veciñais e os concelleiros do grupo de Goberno, co alcalde ao frente, convertiron onte un sistema viario en solo rústico de protección agraria, ao transformar un viaducto nunha leira. Deste xeito simbólico protestaron polo estado de abandono no que Fomento ten as rotondas, parterres e beiras das estradas da súa titularidade, dende Perillo ata O Carballo.
Despois de que dúas desbrozadoras fixesen o traballo máis duro, acabar cunha maleza con máis dun metro de alto, os veciños comezaron o traballo con sachos, rastrillos, palas e fouciños. Da rotonda voaron tronzadas as típicas malas herbas: estrugas, toxo, labazas, herba triga e herba abelleira, lingua de ovella, grama, dente de león, pé de galiña, trebo roxo, mexacán... Só se respetaron as matogueiras de romeu. Tamén se atacou á herba da pampa, pero só se lle cortaron os plumachos, ante a súa dureza. Con máis alegría que xeito, os participantes nesta singular protesta comezaron despois a botar o millo e as sementes de pataca Kennebec. "Esos regos non van dereitos", advertiu con chanza unha oleirense.
"Esta rotonda da unha imaxe calamitosa na entrada a Oleiros. É obriga de Fomento manter os servicios e non o fai. Acabamos de saber que ao iniciar nós esta campaña, acaban de empezar a limpar pola zona de Nós. O peor é en O Seixo, aquelo está salvaxe. A semana que vén repartiranse octavillas e despois farase unha cadea humana", explicou o rexidor, Ángel García Seoane. Os participantes na iniciativa colocaron carteis indicando que facían hortos urbáns, en referencia a unha iniciativa do BNG nun pleno que se rexeitou. O Bloque criticou onte esta "teatral horticultura de fin de semana" do alcalde e pediulle que fixese o mesmo para esixir a Costas o arranxo do acceso á praia de Naval, tras caer dous eucaliptos.
Más en Gran Coruña
-
El BNG propone crear una carretera de circunvalación para descongestionar A Laxe
-
Oleiros derriba la última casa sobre el acantilado y amplía el parque As Trece Rosas
-
La Feira do Bacallau de Vilasantar recibe a más de 240 comensales
-
Vecinos de Repibelo denuncian que no han cobrado por la ocupación del paseo marítimo