Luces, cámara e honra para Cardoña, o fotógrafo popular que retratou Carral

Un documental de Carlos Lorenzo revisa o seu traballo

Os bisnetos miran fotos de Gestal, no documental.   | // L. O.

Os bisnetos miran fotos de Gestal, no documental. | // L. O. / Sara Vázquez

“Non saberíamos nada do Carral dese tempo se non chega a ser por este home”, asegura Carlos Lorenzo, o director de Cardoña. Fotos a 7 pesetas, documental que repasa a vida e o traballo de José Gestal Cardoña, o “obreiro da fotografía” que inmortalizou a vida e as xentes carralesas de entre os anos 40 e os 80. A cinta, estreada hai tres semanas na Coruña, recolle a testemuña da súa filla, Matilde Gestal, e a visión do contexto e da relevancia da obra do protagonista e das dos “fotógrafos populares”, ambulantes, que traballaban polas aldeas coma el, a través dos compañeiros de profesión Carlos Castelao, Manuel Sendón, Xoán Piñón e Xurxo Lobato. Ilustracións de María Lires recrean escenas que escaparon ás cámaras ou se perderon no tempo e no lume co que Cardoña queimou o seu propio arquivo, estragado pola humidade, e un poema de Emma Pedreira en homenaxe aos fotógrafos, entre os que se conta o seu avó, pecha os trinta minutos de metraxe.

A filla de Cardoña, Matilde Gestal, nunha imaxe do documental.   | // L. O.

A filla de Cardoña, Matilde Gestal, nunha imaxe do documental. | // L. O. / Sara Vázquez

Cando aínda vivían en Monelos, ía e volvía a pé a sacar fotos a Carral. Corenta quilómetros no día. “Traía os pés en carne viva. Saíalle o sangue por riba dos zapatos”, conta no documental a súa filla, quen relata que os metía en auga con sal sen unha queixa. E ao día seguinte, máis. “Cando foi progresando xa comprou unha bicicleta e, máis adiante, una Vespa”, precisa o director e técnico de Cultura do Concello de Carral, quen destaca que Cardoña “era unha persoa humilde sen pretensións artísticas”.

Nada que ver co “glamour” e os focos que hoxe se asocian á fotografía, ben lonxe de galerías e modelos, José Gestal “vía a cámara como unha ferramenta e a fotografía, como un xeito de gañarse a vida”. Un accidente púxollo aínda máis difícil: nunha festa en Celas de Peiro, unha chispa dun cigarro en contacto co magnesio que empregaba para facer as fotos causou unha explosión que deixou a Cardoña sen un ollo e con só tres dedos e parte do polgar dunha man. Pero amañouse.

Cando aínda percorría grandes distancias a pé, atravesaba eiras privadas para reducir un pouco os desprazamentos e tiña que escapar aos cans que andaban soltos e queríanlle morder, conta a súa filla. A solución que atopou foi levar petardos nos petos, asegura.

O papel das mulleres foi, como en tantos casos, tan discreto como crucial. Matilde encargábase de facer as fotos no estudio, que “era unha habitación con dous focos, non había máis”, lembra ela mesma. Retratou a moitos nenos, varios en comuñóns e, si algún choraba, súa nai poñíase detrás dela cunha pandeireta “e xa se tranquilizaban e rían”, lembra. María, a muller de Cardoña, facíase cargo do traballo do laboratorio. “Puxéronselle as unllas negras”, conta a súa filla na cinta.

“Agora parece que lle damos importancia, pero daquela era un traballador máis dos que circulaban por aí, como podía ser afiador ou o capador ou calquera outro dos que andaba polas aldeas”, explica Lorenzo. El non querería ningunha homenaxe, apunta a súa filla, quen si recibe de bo grado o recoñecemento. “O documental fala de Cardoña e, a través del, deses fotógrafos populares e do valor do seu arquivo”, afirma.

Suscríbete para seguir leyendo