Nestes tempos difíciles marcados pola pandemia da COVID, onde a desinformación e as noticias falsas estendéronse en internet e nas redes sociais xerando dúbida e incerteza na sociedade civil, os medios de comunicación ven aumentada a súa importancia como garantes da información obxectiva e instrumentos de defensa da democracia.

O xornalismo debe desbotar o maior número posible destas incertezas, contando as noticias do día a día dunha forma honesta e verídica, para así xerar un clima de confianza onde a sociedade poida estar ben informada, sentirse segura e conformar o seu propio punto de vista sobre a realidade tan cambiante que nos rodea. Esta función desempeñada polo xornalismo é especialmente relevante hoxe en día, nun contexto onde cada vez prima máis a inmediatez das redes sociais e a rápida transmisión dos feitos por riba das novas baseadas en fontes fiables e contrastadas.

Neste sentido, unha das modalidades de xornalismo máis necesaria nestes intres é o xornalismo de proximidade. Sen dúbida, trátase da expresión xornalística máis achegada á cidadanía, ao informar tanto de acontecementos políticos, económicos e sociais de carácter nacional e internacional, como dos fitos locais que inflúen na vida cotiá da veciñanza dos nosos concellos e parroquias.

LA OPINIÓN A CORUÑA é un destes exemplos de xornalismo de proximidade, comunicando desde fai 20 anos diferentes feitos de índole global, sen esquecer nunca as noticias humanas que acontecen na cidade da Coruña e a súa área metropolitana. As súas páxinas recolleron todo tipo de novas ao longo destas dúas décadas de traxectoria informativa; narrando desde os grandes desafíos que viviron Galicia e a cidade herculina a comezos do século XXI ata as últimas informacións sanitarias e socioeconómicas desta pandemia. Desafortunadamente, unha crise sanitaria que marcou a axenda mediática da nosa Comunidade e do mundo enteiro, e que pasará aos libros e aos manuais de historia como un dos maiores retos aos que tivo que facer fronte a Humanidade.

Vista das Fragas do Eume Ricardo Grobas

Este xornal acompañou de forma cotiá as e os coruñeses durante todos estes anos, informando con honestidade e rigor das súas historias, e tecendo co paso do tempo unha sólida rede local na que todos os cidadáns están representados e conectados. Neste último ano e medio, LA OPINIÓN relatou os feitos que marcaron a evolución da pandemia, desde a aparición do coronavirus na nosa comunidade ata a vacinación progresiva da sociedade galega; unha dura conxuntura na que resultou capital o labor do noso sector sanitario, a resiliencia e adaptación das nosas empresas, xunto coa vontade e coa resistencia do pobo galego, que soubo estar á altura das circunstancias excepcionais coas que aínda temos que convivir. Non obstante, comezamos a albiscar luz ao final do túnel, observando vías para retornar á senda do crecemento económico pola que camiñabamos antes desta crise.

Desde o Goberno galego seguiremos traballando, man a man, con todos os axentes sociais co fin de aproveitar a oportunidade que supoñen os fondos europeos de recuperación Next Generation para a nosa comunidade e así camiñar xuntos cara a Galicia do futuro: unha Galicia máis verde e sostible, dixital, resiliente e cohesionada, aliñada coas prioridades políticas da Unión Europea. Neste momento de cambio, a cidadanía da Coruña e da súa área metropolitana pode estar tranquila, xa que este xornal contará a saída da pandemia e os importantes avances cara ao progreso que Galicia vai afrontar nas vindeiras décadas.

Celebramos así os 20 anos de vida do diario LA OPINIÓN nunha etapa histórica para a nosa terra, con grandes retos que acadar desde o prisma da transformación social e económica. Parabéns por ser un referente de xornalismo de proximidade.