Unha das numerosas aprendizaxes que tivemos con esta longa pandemia que estamos a padecer é que a información de calidade segue a ser esencial para a sociedade. E, en especial, a de carácter máis local funciona como un auténtico servizo público, para que os veciños e veciñas dos municipios de todos os tamaños coñezan as novidades máis próximas.

Neste terreo, LA OPINIÓN A CORUÑA sobresae desde o seu nacemento, hai 20 anos, converténdose nun axente clave da información metropolitana. Co avance da sociedade cara a un mundo máis global, o xornal soubo adaptarse aos novos tempos, pero sen perder a esencia do alcance local que o caracteriza.

Nos momentos máis duros do confinamento, e que ningún esqueceremos, o sitio web de LA OPINIÓN A CORUÑA foi referencia para vivir con detalle e ao minuto o que estaba a ocorrer na nosa contorna. Foi un claro exemplo do xornalismo como motor social.

Poñer en marcha un proxecto desta índole constitúe un reto de enormes proporcións, cheo de obstáculos por superar. Tivo moito mérito cando hai dúas décadas alguén apostou por un novo xornal centrado na Coruña e a súa bisbarra. Pero aínda resulta merecedor de maiores parabéns lograr consolidalo.

Quedan por diante grandes desafíos para o xornalismo local. Na actual sociedade do coñecemento global seguirán a aparecer novos formatos, novos persoeiros que suscitarán interese en moitas partes do planeta. E nese contexto obtén aínda maior importancia a aposta polo que nos rodea.

Porque seguro que non se esgotarán os feitos noticiables. Porque haberá sempre persoeiros con cousas que contar. E porque aparecerán novas situacións onde a xente agradecerá ter un periódico que fale dos seus e ao seu carón.

Parabéns a LA OPINIÓN A CORUÑA por este 20 aniversario e moitos ánimos e forza para seguro cumprir, polo menos, outros vinte máis.