As historias de amor máis románticas, divertidas e entrañables, da man de parellas de noivos que celebran a súa voda en Galicia, serán protagonistas unha semana máis na TVG co programa Casamos!.

No amor, coma na vida, as apariencias enganan. Este é o caso de Vanesa e Álex, a parella desta noite. Ninguén apostaba pola súa historia porque? que ían ter en común unha militar e un gaiteiro? Cando superaron os prexuízos, decidiron ir a por todas e selaron o seu amor no programa Luar.

Hoxe tamén queren escribir o seguinte capítulo da súa historia na TVG e por iso casan diante das cámaras de Casamos!, cun enlace moi folclórico en Tui, onde non faltará a música, o baile e moita emoción.

'Amor na rede'

Chegados os trinta e tantos e despois de varios desenganos amorosos, volver confiar é cada vez máis difícil. As parellas de agora xa non parecen ser para toda a vida, así que cada vez son máis os que optan por protexerse das acometidas do amor cunha dura coiraza. Este é o caso do noso protagonista desta semana de Amor na Rede, Ricardo, un cambrés de 34 anos afeccionado á navegación a vela. Coa axuda dos seus desvergonzados achegados, vén atopar o amor ante as cámaras de do programa. Para el, a psicóloga Itzíar Villar atopou unha pretendente compatible en Vigo. Trátase de Miriam, unha muller de 37 anos e nai de dous fillos.

A través das probas que lles proporá Camilo Lesta, os espectadores irán descubrindo que non son tan duros como pretenden aparentar e ata acabarán por sacar o seu lado máis infantil. Unha cea romántica será o peche ideal para unha semana de amor entre os protagonistas desta semana de Amor na Rede. Nesta cita Miriam terá que confesar o seu segredo e ambos terán que pensar se lles compensa a distancia para iniciar unha relación.