A Revista da Televisión de Galicia (TVE) achegarase hoxe, en directo, á Feira das Marabillas da Coruña, que se celebra ata o 25 de xullo e que xa vai pola súa vixésimo segunda edición. O equipo do programa tamén se desprazará ata o concello coruñés de Oroso, que ofrece un obradoiro para achegar a tecnoloxía dos drons aos cidadáns. As xornadas celebraranse de luns a venres e a súa función é orientar dun xeito sinxelo e práctico a calquera persoa interesada nos vehículos aéreos non tripulados. Esta formación pode ser o paso anterior a obter o certificado de piloto de avións non tripulados, ou ben o paso posterior para profundar nos aspectos técnicos, prácticos e legais da súa pilotaxe.

Ademais, ata o estudio de gravación desprazarase Ramón Tudela, o presidente da Asociación Cultural e Recreativa Camiño de Santo Andrés de Teixido, que trata de potenciar e poñer en valor estas rutas de peregrinación. Moncho Lemos encargarase, como sempre, da información semanal sobre cine.

'Aquí hai praia', no Orzán

Por outra banda, Aquí hai praia goza hoxe dunha xornada ao sol en tres populares areais galegos. O programa da Televisión de Galicia (TVG) estará no arenal doOrzán na Coruña, na praia de San Francisco de Muros e na Lanzada, no Grove.

A praia de San Francisco é un paraíso para veraneantes non só de Galicia, senón do resto de España. Xunto ao de Ancoradoiro, é un dos areais máis concorridos do municipio, xa que, ás súas espectaculares condicións naturais, se une unha área de frondosos piñeirais equipados con fontes e asadores para preparar comidas campestres. Ademais, conta con dous campings.

O lugar no que se atopa coñecíase como Lugar de Fomento, denominación cuxa orixe está nas tres fábricas de salgadura que estiveron instaladas alí.

A praia de Orzán, na Coruña, é un dos areais máis frecuentados da cidade. Ten forma de cuncha e atópase ao pé do paseo marítimo. Ademais, é apta para todo tipo de deportes de pelota para praia, coma o volei, pero tamén para practicar surf debido a súa forte ondeada. Integra un conxunto coa praia de Riazor, da que se atopa separada polo dique da Coiraza, que conforman os restos da antiga muralla da Peixaría.

Pola súa banda, a praia da Lanzada é unha das primeiras que obtivo a Bandeira Azul dos Mares Limpos de Europa en Galicia. Conta con máis de dous quilómetros de areal a mar aberto e un paseo de madeira, que permite a bañistas e visitantes osixenar o corpo e avivar o espírito en calquera época do ano.