O programa Contraportada dos servizos informativos da Televisión de Galicia (TVG) emite hoxe ás 15.15 horas a primeira entrevista que Mariano Rajoy concede á canle pública galega desde que no 2011 se converteu en presidente do Goberno.

A entrevista, de sete minutos de duración, foi realizada no Palacio da Moncloa de Madrid polo xornalista do medio público galego Luís E. Ramos, co gallo da celebración dos 35 anos do Parlamento de Galicia. Mariano Rajoy saíra elixido deputado nas primeiras eleccións autonómicas galegas do 1981. Logo, no 1982 foi designado director xeral de Relacións Institucionais da Xunta e, en novembro do 1986, vicepresidente do Goberno de Galicia.

A TVG adicará o Contraportada de hoxe a esta efeméride cun programa especial no que, ademais da entrevista co presidente do Goberno, incluirá unha reportaxe con entrevistas a deputados galegos de distintos partidos que tamén desempeñaron cargos públicos nas distintas lexislaturas, como Xosé Luís Barreiro Rivas, José Manuel Romay Beccaría, Juan Corral, Mª Jesús Sanz, Alfredo Conde, Tomás Pérez Vidal ou Francisco Vázquez.

Por otra banda, a edición do sábado da Revista Fin de Semana estará en directo no I Campionato de Loita de Brazos que se celebra na localidade lucense de Ourol. Este torneo, que se celebra no multiusos do municipio, está organizada polo Club de Loita de Brazos de Ourol. O campionato non só está dirixido aos deportistas federados, senón que tamén está aberto a todo o que queira participar, para o cal se establecen distintas categorías coma júnior, máster, feminino, para persoas con discapacidade ou sénior.

María Solar entrevistará a Maneiro, o cantante de Heredeiros da Crus, que recorre ao micromecenado coa finalidade de recadar fondos para o seu primeiro disco en solitario, Furtivos. Hoxe, no estudio tamén estará Rodrigo Vázquez, o presentador do concurso das tardes Ti verás, que virá a falar da súa experiencia no programa.