A Televisión de Galicia (TVG), no seu compromiso coa inclusión social e laboral, estrea hoxe o programa Sen Barreiras, que pretende dar visibilidade a colectivos con necesidades especiais e amosar as barreiras físicas e emocionais que dificultan a súa vida cotiá.

No primeiro episodio haberá tres entidades protagonistas. A Fundación María José Jove de A Coruña, coa que os espectadores coñecerán o deporte de vela adaptada; o centro de emprego Coregal, cuns claros obxectivos ambientais e sociais e 130 traballadores; e por último a asociación Acadar para mulleres con discapacidade, que reivindica o empoderamento e os dereitos delas independentemente das súas características ou do seu lugar de procedencia.

O programa forma parte dunha serie de espazos de temática social que a TVG está a emitir desde o pasado mes de outubro, e no que tamén se engloban Mellor xuntos, Galicia 4.0 e Desenredando a rede.

Non será a única estrea de hoxe na grella da TVG. O Sal da Terra é a outra novidade. Trátase dun programa de cociña, reportaxes e ficción que amosa toda a riqueza que o mar aporta á vida das persoas que teñen a fortuna de vivir xunto ao litoral.

A través da comida, a decoración, a vida saudable e outros segredos que agochan as ribeiras e acantilados da comunidade, os personaxes descubrirán unha nova forma de gozar do mar.

A parella protagonista, Carmela e Berto, unha nai e un fillo de Rianxo, buscará nos fogóns e nas súas visitas a portos, praias, mercados e lonxas, a forza, a diversión e a inspiración que necesitan para seguir co seu día a día.

O programa fomenta valores como a cultura da vida saudable, o respecto á natureza, o "faino ti mesmo" e a cooperación.

Na primeira entrega, Carmela cociñará unha sopa de peixe e marisco para o seu fillo e ensinará a facer un remedio natural coa auga do mar. Berto, pola súa banda elaborará unha receita a base de conserva: ourizos con mazá. Ademais, visitarán o mercado de Rianxo e o Museo do Mar da mesma localidade.

Candidaturas aos Mestre Mateo

Por outra banda, o espazo A Revista conectará en directo coa sede da SGAE de Santiago, onde a Academia Galega do Audiovisual dará a coñecer os nomes das obras e candidatos finalistas aos XV Premios Mestre Mateo. Os actores Susana Dans e Federico Pérez encargaranse de abrir os sobres e anunciar os nomeados. Ademais, a colaboradora do programa Edith López, experta en moda, comentará os modelos da alfombra vermella da recente edición dos premios Goya. No estudio entrevistarán a Miguel Pereira, finalista dos premios blogger 2017.