A Revista Fin de Semana preparará hoxe na Televisión de Galicia (TVG) o ambiente para o R.C. Deportivo-R.C. Celta cun directo desde Abegondo, onde algúns dos rostros e voces máis populares da canle autonómica e da Radio Galega, ademais de actores e músicos, xogan o "derbi dos artistiñas". Xosé Antonio Touriñán, Kiko Novoa ou Susana Seivane formarán no equipo blanquiazul, e Roberto Vilar, Terio Carrera ou Ana Pérez, no celeste; e Antonio Durán Morris arbitrará o encontro.

No estudio, María Solar conversará con Pablo Camino, tripulante do helicóptero de Salvamento Marítimo Helimer. Ademais, tamén están convidados ao programa os actores Beatriz Serén e Xulio Abonjo que falarán dos seus personaxes na serie Pazo de Familia que deu un xiro co desterro de Emilio da casa familiar.