Esta noite o programa Sopa de Festa convidará aos espectadores a ver unha das celebracións gastronómicas galegas máis coñecidas. Nesta ocasión, o equipo do programa viaxou ata a localidade ourensá de Cea para compartir e homenaxear un dos manxares máis antigos e de máis tradición en Galicia: o pan de Cea.

Datado do século XIII, este pan, amparado pola Indicación Xeográfica Protexida Pan de Cea, expórtase a todo o mundo desde os 18 fornos que diariamente cocen este alimento. Será precisamente desde un destes fornos, onde hoxe a audiencia coñecerá un poco máis sobre a orixe e a tradición na elaboración deste pan.

Por outra banda, o espazo Larpeiros manterá unha animada conversa sobre cousas pequenas que ás veces resultan ser as máis grandes. Cousas como as noces, os mexillóns, as amoras ou as ameixas e berberechos. Benigno fará un xantar que sorprenderá os seus compañeiros: uns lombos de pescada con salsa de berberechos. A sobremesa correrá, coma sempre, a cargo de Merchi e Leni, que cociñarán un pastel de pavías.

Por último, A revista conectará en directo coa Audiencia Provincial de Pontevedra onde comparecerá David Oubel, coñecido como o parricida de Moraña, pai de dúas nenas de 4 e 9 anos, ás que supostamente matou cunha radial na súa casa de Caldas. Ademais, os reporteiros do programa estarán na praia de Santa Cristina, en Oleiros, para practicar pádel surf.