O ilustrador Oliver Añón conversará hoxe no estudio do Zigzag con Pilar G. Rego. Añón gañou a 13 edición do Premio Castelao de Banda Deseñada co cómic Canción para afundir flores no mar. O galardón, que promove a Deputación da Coruña, é o máis importante do país. O autor, nado en Barcelona pero galego de adopción, propón ilustracións elaboradas mediante unha técnica dixital, aínda que os acabados semellan o uso da tinta chinesa.

A colaboradora do programa María Yáñez apuntarase hoxe ao reto dos dez anos que abunda nas redes para botar a vista atrás e ver como era a cultura dixital galega en 2009.

Por outra parte, as galegas Encarna Alonso e Tania Muinelo analizarán o seu oficio, como scripts de diferentes xeracións que comezaron en series da TVG. No Zigzag de hoxe tamén haberá tempo para falar de música, xa que Aries ten novo disco. Juramento Mantarraya sairá ás rúas o 26 de abril, un álbum coproducido por Isabel Fernández Reviriego no seu propio estudio Pastora de Vigo, xunto a José Vázquez, ao igual que o seu disco anterior, Adieu or Die.

A maiores, no espazo será protagonista a música clásica. O Cuarteto Gerhard, formado desde 2010 por Lluís Castán, Judit Bardolet, Miquel Jordá e Jesús Miralles, toca hoxe na Coruña e mañá en Ourense. A formación toma os seu nome de Robert Gerhard, un alumno de Arnold Schönberg e un dos compositores cataláns máis recoñecidos do século XX, e que o cuarteto vai interpretar, amais, nesta pequena xira galega.