A Televisión de Galicia (TVG) ofrece esta noite unha nova proposta para a diversión en familia cunha edición especial de A liga das familias extraordinarias, na que participarán concursantes da segunda temporada, que buscaba o mellor intérprete das orquestras galegas, A liga dos cantantes extraordinarios, e os seus seres queridos. Presentada por Paco Lodeiro, na gala intervirán os oito cantantes que pasaron pola segunda edición do programa e, xunto a eles, actuarán membros das súas familias, para interpretar temas que os representan ou son especiais para eles.

Ademais da gañadora da segunda edición do formato, Irene Iglesias, contarase con Alba Navarro, Boris Pico, Kris Somad, Alba Paz, Rita Barreiro, Nakary Palumbi e Nando LLon.

Coa axuda do xurado, composto por Pili Pampín, Lito Garrido, Lucía Pérez e Mon e Ula, de Monoulious Dop, A liga das familias extraordinarias dará coa familia capaz de convencer os pais, avós e netos de que son os mellores, os auténticos reis da verbena que unen todas as xeracións. Nesta gala haberá tamén representación familiar do xurado e, como non, o mestre de cerimonias acudirá acompañado. O desta noite será un programa cheo de sorpresas, espectáculo e moita emoción.

A música será a protagonista absoluta esta noite na TVG, que ofrecerá tamén un programa especial de Inimitables, en homenaxe ao ferrolán Andrés Dobarro. O especial lembrará a publicación do seu disco Me llamo Andrés Lapique do Barro, no que tres cancións en galego chegaron por primeira vez ao número un nas listas de éxitos españolas: O tren, Corpiño xeitoso e San Antón. Ninguén logrou o acadado por Dobarro. O feito de que varias cancións en galego chegaran a número un nas listas tivo un grande impacto na normalización do idioma galego, na sociedade española de principios da década dos 70.

Recentemente fixo 30 anos do falecemento de Andrés do Barro, e Inimitables ofrécelle hoxe unha homenaxe entrevistando a persoas que o quixeron como músico, como amigo ou como pai, e tamén convidando a artistas galegos de agora a que expresen a súa admiración interpretando as súas cancións.