Estruturas. Pel contra pel é o título do novo documental que a segunda canle da TVG (G2) estrea hoxe sobre urbanismo e o impacto do ser humano na paisaxe. Dirixido e realizado por Paco Gallego e Xosé Antón Bocixa, Estruturas ten en conta as consecuencias de factores, como a explotación forestal, infraestruturas tipo os tendidos eléctricos, a actuación humana ante o aumento poboacional, o abandono do patrimonio, a asunción fóra de escala dos modelos urbanos nas contornas rurais ou rururbanas, o efecto de construcións inacabadas, da obra institucional e as actuacións debidas á especulación.

Neste documental, producido por Tingalaranga Audiovisual escoitaranse diferentes voces expertas, desde a do exdecano do Colexio Oficial de Arquitectos de Galicia, Antonio Maroño, ata arquitectos e arquitectas como Fermín Blanco, Carlos Coto, Elvira Carregado e Carmen Vázquez. Ademais, participan o exdirector da Escola Técnica Superior de Arquitectura da Coruña (Etsac), Fernando Agrasar; o sociólogo urbanista da Universidade da Coruña Manuel G. Docampo, e a xeógrafa Rocío Romar, colaboradora do proxecto educativo Proxectoterra, que leva os valores da paisaxe e da arquitectura ás aulas de ensino de Primaria e Secundaria de Galicia desde hai anos.

Por outra banda, tamén na G2, o Zig Zag recibirá hoxe a visita do grupo Ailá para presentar o seu novo disco. A formación folk, composta por catro músicos, basea a súa música nos cantos de transmisión oral galegos, unha proposta pensada para bailar e gozar da música galega desde un prisma moderno e contemporáneo.

Na súa colaboración de escena, Alfonso Becerra conversará sobre a montaxe Illas desertas. O último espectáculo de Artesa Cía nace como unha resposta á competitividade e a produtividade, e convida os seus espectadores a unha experiencia inútil, unha viaxe cara a nada, un canto ao fracaso.