A Televisión de Galicia (TVG) estreará mañá, en exclusiva e en aberto, a produción internacional 3 Camiños, participada pola canle pública galega, que pretende fomentar e difundir o fenómeno xacobeo e os valores do Camiño de Santiago este Ano Santo. Coproducida pola galega Ficción Producciones e dirixida polo ourensán Norberto López Amado, esta ficción consta de oito capítulos.

A peregrinación a Compostela é o nexo dunha serie que narra a viaxe de cinco peregrinos por tres épocas da súa vida. Cinco personaxes con cadansúa lingua: alemán, italiano, coreano, portugués e galego. Entre os protagonistas que percorren estes 3Camiños están caras coñecidas como a dos actores Álex González e Verónica Echegui, ademais dun elenco internacional encabezado por Andrea Bosca, Anna Schimrigk e Alberto Joo Lee.

3 Camiños é un drama con tinguiduras de comedia que explora a relación entre estas cinco persoas para ver como o paso do tempo vai desmontando os seus soños, tecendo e destecendo parellas e amizades e transformando a personalidade dos cinco. 2000, 2006 e 2021 son os tres camiños, as tres etapas da vida, con moitos problemas, tensións e conflitos do mundo ordinario que se xogan no taboleiro espiritual e material do Camiño de Santiago.

O Camiño actúa de catalizador e escusa para reunilos en cada unha das épocas, en que os espectadores se asomarán ás súas vidas. Acompáñannos historias cheas de emocións, amizade, coraxe, pero tamén decepción, medo e perdón. 3 Camiños ofrece fondas reflexións sobre a existencia humana, abordando temas tan complexos como o paso do tempo, o final do amor cando se desgasta e morren os soños e o medo a envellecer.