O equipo de O son da ribeira desprázase hoxe ata a Vigo na procura das “ondas do mar” que inspiraron as cantigas de Martin Codax nun capítulo que emite a TVG ás 10.50 horas. Elaborado por Producións Celta para a cadea autonómica e baixo a dirección e a presentación de X.H. Rivadulla Corcón, o programa pretende achegar aos seus espectadores a lírica galega dos séculos XIII e XIV, os versos que o mar inspirou a aqueles trobadores ou xograres.

Aquelas cantigas medievais, en especial as da autoría de Martin Codax, das que se conserva a música serán o fío conductor do espazo da TVG, que aproveitará a ocasión para falar con quen traballa nesas “ondas do mar de Vigo”.

A primeira versión dunha cantiga de Martín Codax que se escoitará no programa é a que fai o destacado grupo da música galega Luar na Lubre. Uxía, Roi Casal e mesmo o grupo Amaral interpretarán tamén algunha desas pezas.

Para coñecer o que supoñen as cantigas para a cultura galega e a figura de Martin Codax para Vigo, Rivadulla Corcón conversará con Anxo Angueira, poeta e presidente da Fundación Rosalía de Castro, que afirma que é sen dúbida o poeta de Vigo, o máis representativo desta cidade.

Ademais o equipo tamén falará con persoas da zona moi vinculadas ou que traballan no mar.