Caderno de bitácora cítase hoxe en Fisterra con Alexandre Nerium, mariñeiro, poeta e impulsor dun Museo da Pesca no que, xa retirado do mar, fai labores de guía. Baixo o título A realidade dun mar lírico, o espazo, que se emite ás 10.40 horas na TVG, achégase á historia persoal dun home que sentiu o traballo no mar como expresión poética do mundo e que atopa na poesía unha vía para cantar a ese mar bravo e a tarefa esforzada dos mariñeiros.

A historia de Nerium é en realidade a de Manuel Martínez, que canaliza a través do pseudónimo as súas inquedanzas culturais. Este mariñeiro e poeta acadou de novo unha ampla formación académica antes de decidir seguir os pasos do pai, primeiro na pesca de baixura e, máis tarde, como mergullador.

O programa, elaborado para a canle autonómica por Producións Celta baixo a dirección en presentación de X.H. Rivadulla Corcón, debulla a biografía do protagonista mediante o seu propio testimonio, completado polas voces do seu sobriño Luis López, so seis anos menor que Manuel e tamén mergullador, e de Modesto Fraga, que di sentirse discípulo de Alexandre Nerium tanto no poético como no vital.

Para Manuel Martínez o mar é o referente total dende os tempos en que, de neno, ía traballar co seu pai. Tamén ocupa un lugar central a temática mariña no seu desempeño literario como Alexandre Nerium, nome que figura entre os integrantes do Batallón Literario da Costa da Morte, do que forman parte, entre outros, nomes como Miro Villar, Rafa Vilar, Marilar Aleixandre ou Paco Souto.

Xa retirado do mar, foi impulsor do Museo da Pesca de Fisterra no que a día de hoxe realiza labores de guía convertido nun dos grandes expertos da cultura mariñeira en Galicia.