Co regreso do Vaia Troula este domingo á grella da TVG, ponse en marcha a nova programación de verán da canle pública galega. Cunha imaxe renovada e con Noelia Rey como mestra de cerimonias, o programa máis festeiro fará un percorrido polas mellores festas das catro provincias. Nesta ocasión, a nova presentadora do espazo estará acompañada polas reporteiras Adela Bértolo, Laura Ríos e Alba Lea. No primeiro programa desta tempada, Noelia Rey dará a benvida desde a multitudinaria Feira do Viño de Chantada.

Despois dos últimos veráns afectados pola pandemia, Vaia Troula volve hoxe con enerxías renovadas e con máis gañas de festa rachada ca nunca. E no programa inaugural desta tempada haberá festexos para todos os gustos. Para comezar, Noelia Rey achegarase hoxe a Chantada, onde celebran a Feira do Viño, unha cita imperdible en que hai música de charangas e orquestras, catas populares e moita diversión. Pola súa banda, a reporteira Laura Ríos estará na tradicional Festa do Viño Tinto do Salnés, en Ribadumia. Alí gozará dun gran desfile e unha comida popular para centos de persoas. Alba Lea terá a oportunidade de compartir con todos os veciños a Festa do Raxo de Ponteceso.