Caderno de bitácora emítese hoxe na Televisión de Galicia (10.30 horas) cun programa especial. O homenaxeado xa non está con nós, pero deixou un recordo inesquecible estre todas as persoas que o coñeceron, amigos e fillos. Serafín Mourelle ensinounos cousas do mar pero tamén da vida. E os que o coñecen ben e pasaron moitas horas con el son: Xulio Montero, percebeiro, e achou en Serafín Mourelle un conselleiro que o guiou. E Xurxo Souto, músico e escritor, que soubo comprender a dimensión social e literaria do gran patrón do mar de Irlanda.

Serafín Mourelle traballou no mar do Gran Sol dende 1949, cando empezou con 16 anos, ata que se retirou en 1993 con 60 anos. Xa non podemos falar con el e chegamos tarde a facerlle unha merecida homenaxe. Morreu no 2020 con 87 anos. Pero Caderno de bitácora quixo que a súa historia quede rexistrada para o futuro. A súa historia é a do mar dos galegos, o Gran Sol. Unha frase que repetía Serafín Mourelle era: “Eu nacín en Corme, crieime na Coruña, casei en Noia, vivín no Gran Sol. De onde son? Son do Mar máis que de sitio ningún”. E así era. O sentido da vida para Serafín Mourelle estaba no mar. E tamén a súa inspiración literaria, porque Serafín era poeta, no 2017 a editorial Caldeirón editou o seu poemario Carapelas de sal e iodo.

Na taberna a Chencha reúnense amigos e fillos de Serafín Mourelle, é a taberna do percebeiro Xulio Montero e o programa aproveita para falar con el e con Xurxo Souto. Xulio foi, nos últimos tempos, un dos mellores amigos de Serafín Mourelle. Serafín ía moitas veces a visitalo á súa caseta no porto de Oza. Xurxo Souto é un importante divulgador da literatura do mar e neste sentido foi crucial para que o chegaramos a coñecer.

Caderno de bitácora, programa elaborado por Producións Celta,, está dirixida, escrita e presentada por X. H. Rivadulla Corcón.