Este xoves iníciase o festival Son do Camiño, xa coas actuacións de C. Tangana, The Chemicals Brothers ou Foals, entre outros. E sobre el dará especial conta a programación da TVG. Xa este mércores, o magazine de A Revista contará cun equipo desprazado neste escenario para coñecer desde o Monte do Gozo os preparativos da cita musical. Ata o domingo, este festival de Santiago de Compostela traerá a artistas como Liam Gallagher. Aínda que estes días o Son do Camiño xa foi noticia polo accidente no seu escenario.

O programa A Revista tamén será visitado polo monologuista, guionista e músico Ángel Martín para presentar o seu libro Por si las voces vuelven: un relato en primeira persoa sobre a loucura. Ángel Martín recolle como foi a súa dura experiencia, cando tras tocar fondo foi ingresado nun hospital psiquiátrico.

Por último, o magazine contará coa intervención do médico do Hospital San Rafael, Manuel Viso, que falará de pautas ante un golpe de calor; o voceiro da OCU, Enrique García, sobre como escoller a compañía de telefonía máis viable; ou a xornalista Ana Gayoso, sobre a actualidade do corazón.

O programa cultural Zig Zag contará coa escritora compostelá Inma López Silva, que presentará o seu primeiro poemario Clepsidras. Con esta obra, a autora gañou a última edición do Premio Eusebio Lorenzo Baleirón de poesía, que convoca o Concello de Dodro. Inma López Silva é “unha exploradora de narrativas e paisaxes que a converten nunha das figuras máis admiradas da literatura galega contemporánea”. Autora prolífica, coa súa última novela, O libro da filla (2020), recibiu o Premio da Asociación da Crítica Española.

A revista cultural da G2 tamén contará co dramaturgo Ernesto Is para falar de como transcorreu a pasada semana en Compostela Galicia Escena Pro: o mercado galego de artes escénicas.