A presentadora de Zigzag, María Solar, conversará este domingo co xornalista cultural Marcos Gendre, un dos autores máis prolíficos da literatura musical, con 30 ensaios publicados, que acode ao programa para presentar o seu libro Discoteca Atlántica, 100 discos galegos (1970-2020), unha travesía polo labirinto identitario da vangarda musical galega.

Nesta obra, publicada pola editorial Galaxia e polo que o autor xa foi entrevistado en La Opinión, Gendre repasa o último medio século da música do país a través dunha listaxe dun cento de discos.

Do primeiro LP de Andrés Dobarro ao Latexo de Xosé Lois Romero & Aliboria, selecciona aqueles traballos que considera “máis creativos, innovadores e representativos, nunha escolma que recupera tamén traballos pouco coñecidos e que pon o foco especialmente no dinámico presente da música galega”.

E xa no ámbito das festas, a celebración de San Paio será un dos principais argumentos do Vaia Troula deste domingo. Deste xeito, Noelia Rey estará na Estrada para vivir con todos os veciños unha celebración cargada de música de charangas, bandas e orquestras.

Pola súa parte, a reporteira Adela Bértolo irá ata Viveiro para participar no San Xoán de Covas, onde haberá unha gran sardiñada acompañada de sons tradicionais. Laura Ríos terá a oportunidade de compartir con todos os asistentes as festas de San Xoán de Anceis, en Cambre, en que haberá cigalas a esgalla e verbena coa orquestra Los Satélites. E Alba Lea non perderá detalle da espectacular Romaría do Corpiño, no concello de Lalín.

As cámaras de Vaia Troula tamén estarán presentes no divertido descenso do río Anllóns, en Carballo, nas festas de San Xoán de Poio e no San Paio da Lavacolla, en Santiago de Compostela. O Entroido de Verán de Mondariz e as festas de Soutullo completarán o menú.