A cerimonia de imposición das Medallas Castelao 2022 retransmitirase este martes a través da Televisión de Galicia, Radio Galega e o portal dixital G24.gal. Son as distincións coas que a Xunta recoñece a “persoas e institucións que levan o nome de Galicia máis alá das nosas fronteiras”, entre elas a coral polifónica El Eco que cumpre o seu 140 aniversario desde A Coruña. O acto poderase seguir a través das distintas plataformas da Corporación e contará coa emisión integrada da interpretación de lingua de signos (LSE) para a comunidade xorda galega.

A partir das 13.00 horas, os medios públicos ofrecerán integramente o acto institucional, presentado polo xornalista da Televisión de Galicia Jesús Fontenla desde o auditorio do Museo do Pobo Galego.Os galardoados coas Medallas Castelao neste 2022 son o político Camilo Nogueira, o chef Javier Olleros, a Coral Polifónica El Eco, o equipo feminino de fútbol sala Pescados Rubén Burela e o xornalista Javier Sánchez de Dios. Con este galardón recoñécese “a traxectoria profesional e persoal dos condecorados, o seu traballo e os seus logros en beneficio do nome de Galicia dentro e fóra da comunidade”.

Nunha edición máis reducida por mor da retransmisión da entrega das Medallas Castelao, o programa A Revista achegarase este martes en directo ao estudio de tatuaxes Calipso da Coruña, que recibe estes días a visita de Black Alien: o francés famoso polas súas modificacións corporais extremas, xa que non ten nariz nin orellas, ten lingua bífida, tatuo toda a pel e o branco dos ollos e leva implantes na cabeza e piercings no rostro.

Ademais, na mesa de A Revista, a presentadora do programa, Loly Gómez, conversará coa bióloga Xiana Albor e con Nerea Abegonza, produtora de flores ecolóxicas de Pontevedra, sobre o cultivo de flores sostibles.