Lucía Rodríguez presenta hoxe un programa de Sabadeando dedicado a Santiago de Compostela na fin de semana grande das Festas do Apóstolo, no que se ofrecerá un avance da “gran festa que prepara a Televisión de Galicia para a noite do día 24, coa retransmisión dos fogos”. Adrián Díaz estará nun decorado exterior na praza do Obradoiro. E durante máis de tres horas os espectadores embarcaranse nun periplo en directo que, co Ano Xacobeo, achegará o testemuño de ducias dos milleiros de peregrinos que chegan con ilusión á capital de Galicia nos días previos ao 25.

Fátima Mella meterase na pel dos que veñen camiñando na súa última etapa. Coñecerá as historias dos que chegan ata a catedral e percorrerá con eles as diferentes actividades que realizan á súa chegada. O Parlamento desta semana estará dedicado a como cambiou a cidade nas últimas décadas.

Olaya Rivas comezará a súa xornada visitando pola mañá Arzúa e Melide para ter a oportunidade de coñecer nos albergues aqueles peregrinos que axustaron as súas etapas e calendarios para chegar á catedral o Día Grande de Galicia. Xa en directo, dará conta desde a Alameda e a Porta Faxeira da troula que rodea a feira e amosará a orixe das Marías, cuxa estatua é un dos elementos máis fotografados da cidade.

Sabadeando tamén ofrecerá unha comparativa dos Fogos do Apóstolo desde os seus inicios ata os últimos anos, para o que falará cos responsables actuais da pirotecnia e das proxeccións en tres dimensións e con Fernando Madriñán, coñecido polas súas retransmisións deste famoso evento. O programa entrevistará personaxes famosos da cidade como Farruco, os membros de Cantigas e Agarimos ou os representantes da tuna; adentrarase en edificios emblemáticos como o Hostal dos Reis Católicos e coñecerá as tabernas máis antigas e peculiares da zona vella compostelá.