Para celebrar aínda máis o Día de Galicia, a TVG ofrecerá esta noite a Gala do 25 de xullo. Coa presentación de Xosé Ramón Gayoso e Esther Estévez, mestres de cerimonias de Luar e #DígochoEu, polos escenarios pasarán Tanxugueiras, Heredeiros da Crus, Marta Sánchez, Budiño, Sabele e Sondeseu.

Empregarase o lema Non hai fronteiras, coa tolerancia, a paz e o respecto á diversidade como fío conductor. E tamén actuarán Pili Pampín, Sheila Patricia, Ortiga e Familia Caamagno, entre outros moitos artistas

O Día de Galicia xa comezará na TVG coa retransmisión da Ofrenda ao Apóstolo, que será presidida polos reis de España Felipe VI e Letizia. Xa pola tarde estrearase o documental A Galicia do prerrománico, que percorre a historia dos cinco séculos que seguiron á caída do Imperio Romano.

Pola noite na Gala do 25 de xullo e baixo o lema Non hai fronteiras, título da canción coa que as Tanxugueiras obtiveron un éxito masivo e levaron durante este 2022 o idioma galego a lugares e contextos onde non era quen de chegar, “este programa especial pretende enviar hoxe unha mensaxe de tolerancia e de paz, entendida como respecto á diversidade en todos as súas variantes: lingüística, cultural, sexual ou étnica”.

Segundo indican desde a TVG, “con este fío condutor, a gala contará, como non podía ser doutro xeito, coa presenza do fenómeno musical do ano: as Tanxugueiras, que levaron a tradición galega fóra das nosas fronteiras e, suscitando unha onda de apoio e simpatía popular, estiveron a piques de representar a España no Festival de Eurovisión”. Sabela, Olaia e Aida ofrecerán os temas máis coñecidos do grupo, os éxitos cos que están triunfando alá por onde pasan, pero tamén presentarán algunha canción nova do terceiro disco que están a piques de publicar, Diluvio, que verá a luz o 29 de xullo.