A Televisión de Galicia (TVG) seguirá mañá, en directo, a estela da gran cantidade de festas que se celebran estes días de lecer polo noso país adiante, coa emisión do especial Galicia está de festa. Presentado por Noelia Rey, percorrerá as celebracións máis salientables dunhas xornadas cheas de xolda por practicamente todos os concellos. Desde a tradición ata os festexos relixiosos e pagáns, trátase dunhas xornadas con moito seguimento en Galicia. Por iso, de entre todas, a Galega intentará dar cobertura ás festas máis senlleiras.

Este martes á noite, Noelia Rey daralles a benvida aos espectadores da canle autonómica desde Betanzos, onde a presentadora vivirá en directo o emocionante lanzamento do tradicional Globo de Betanzos, o punto álxido das festas de San Roque para os betanceiros. Na compaña da reporteira Belén Vara, darase conta do que aconteza na noite máis importante do ano nesta vila. Deste xeito, coñecerase todo o referente ao globo de papel máis grande do mundo e ás súas orixes.

Ademais, o equipo de Galicia está de festa amosará unha grande escolma de celebracións que teñen lugar o 15 e o 16 de agosto, como a Festa da Auga do San Roque de Vilagarcía de Arousa, outra das citas festivas destacadas á que acudirán as reporteiras do programa, xunto ás tradicionais Danzas de San Roque do Hío, no concello de Cangas.

Galicia está de festa completará a súa oferta de propostas na TVG coas festas de María Pita na Coruña; as celebracións da Virxe de Montserrat de Monforte de Lemos; ou as festas da Peregrina de Pontevedra, entre outras.