A TVG ofrecerá esta noite nada menos que un duelo entre dúas das orquestras máis famosas das verbenas do mundo. Así será a través do programa Eventos G, no que o trono será disputado por El Combo Dominicano e Cinema.

Dúas orquestras e un destino: encher os campos da festa de todos os recunchos de Galicia. Televisión de Galicia presenta esta noite o enfrontamento con máis sentimento da verbena galega.

Será o swing do Combo capaz de vencer á orquestra máis agresiva de Galicia? Acabouse a espera, chegou o momento de descubrilo nesta noite do mércores.

Juan Carlos Balbuena, de El Combo Dominicano, e César Romero, da orquestra Cinema, serán os encargados de guiar os espectadores nesta aventura, en que se coñeceran as historias destas dúas formacións e os seus segredos máis agochados.

Verase onde ensaian as cancións e as coreografías, o equipo técnico que hai detrás e a vida dos cantantes que inundan as verbenas de toda Galicia coas súas recoñecidas voces.

Descubriranse os segredos de Ana Paz e Ángel Hasegawa, da Cinema, e de Javy López e Carlos Alfredo, do Combo Dominicano.

Saberase tamén quen está detrás do hit internacional La cucaracha e dos temas máis míticos que forman xa parte, dalgunha maneira, da cultura popular que ameniza esas noites.

Neste Eventos G, serán os presentadores da Televisión de Galicia Alba Mancebo e Arturo Fernández os encargados de mediar entre as dúas orquestras.

A tensión palparase no escenario, onde as dúas formacións se baterán musicalmente e levarán esta rivalidade ao extremo nesta noite cargada de intensidade. Inmellorable oferta para esta noite do mércores na que remata o mes de agosto... e nos achegamos ao final do verán..