A TVG paseará este domingo polas últimas festas deste verán en Galicia. Para empezar, o Vaia Troula asistirá ás celebracións inaugurais do mes de setembro. A mestra de cerimonias do programa, Noelia Rey, estará en Forcarei para participar na tradicional romaría da Nosa Señora de Aciveiro. Alí haberá unha emotiva procesión e, a continuación, unha divertida comida popular con grupos tradicionais e charangas.

Adela Bértolo viaxará ao concello de Culleredo, onde gozará da gran sardiñada de Castro e Laxe, a máis antiga de Galicia. E Alba Lea será unha máis na saborosa Festa da Filloa da parroquia de Valongo, no concello de Cerdedo-Cotobade. Pola súa parte, a reporteira Belén Vara irá a Pontevedra para pasalo en grande nunha nova edición da Feira Franca Medieval, que volve á cidade do Lérez despois de dous anos de ausencia. As cámaras do Vaia Troula tamén pasarán polas festas de Santa Lucía da parroquia de Cervela, no concello do Incio; pola romaría de San Ramón de Bealo, en Boiro, e polo Son D´Aldea, de Palas de Rei.

O menú trouleiro deste domingo á noite complétase coas festas da parroquia de Perillo, en Oleiros, a Exaltación do Pan de Neda, a Festa da Chula de Pazos de Borbén e as celebracións de San Ramón na parroquia do Esto, en Cabana de Bergantiños.

E, para que a troula sexa total, o programa deste domingo tamén ofrece a actuación da orquestra Los Españoles.

A programación festiva da TVG continuará con Comisión de festas. Asistirá aos festexos de San Mamede. O obxectivo do programa é recadar e axudar o máximo posible para que todo saia ben.

Na edición deste domingo, o programa presenciará un partido do máis entretido entre solteiras e casadas, coñecerá a Troto de San Mamede e asistirá ao Mamevisión. Que pode saír mal?