A Televisión de Galicia (TVG) celebra hoxe o 30 aniversario de Luar, espazo que emite ininterrompidamente desde setembro de 1992 e que é o programa de entretemento máis veterano da televisión española. Con Xosé Ramón Gayoso á fronte do formato desde a primeira emisión, o especial desta semana festexará estas tres décadas de vida lembrando as actuacións de grandes figuras da música e contando coa presenza de presentadoras que acompañaron a Gayoso durante estes anos, como Diana Nogueira, Sonia López e Uxía Blanco, entre outras.

Luar tamén recibirá hoxe no escenario colaboradores e personaxes tan queridos pola audiencia como a señora de Palmírez, Socorrito, o carteiro Anselmo ou Os Tonechos, o dúo formado por Roberto Vilar e Víctor Fábregas, que volven só por unas horas para celebrar o aniversario do espazo en que se deron a coñecer.

No capítulo musical, están convidados a esta gran festa Los Limones, o conxunto ferrolán que se converteu nun referente do pop-rock español dos anos 90. Ao longo do programa, soará con forza a música das irmás Salazar, o dúo artístico máis coñecido como Azúcar Moreno, que interpretarán cancións do seu último disco, titulado El secreto. Luar tamén lle dará a benvida á cantante de sevillanas María del Monte, quen cantará algúns dos temas de máis éxito do seu repertorio.

A forza interpretativa de Mercedes Péon, unha das voces galegas máis recoñecidas, que presentou o programa nas súas primeiras etapas, encherá esta noite o escenario de Luar. Por el tamén pasarán Treixadura e Leilía. Ademais, outro dos clásicos do Luar, o coñecido dúo Pimpinela regresa esta noite ao espazo da canle autonómica, onde celebrarán os seus 40 anos de traxectoria, con éxitos e cancións coreadas por todas as xeracións seguintes.