A terceira entrega do programa A porta aberta, que se emite hoxe ás 21.30 horas na TVG2, está centrada na Asociación de Diagnosticad@s de Cancro de Mama e Xinecolóxico (Adicam), un colectivo con sede na vila de Cangas e vocación de servizo a toda Galicia.

A produción dirixida e escrita por X. H. Rivadulla Corcón leva por título Descubrindo a luz toda. Nela recóllese a historia e actualidade de Adicam da man da presidenta da asociación Olga Sotelo, a traballadora social María Martínez, e as socias Almudena Díaz e María José Rodríguez.

Adicam naceu no Morrazo para fomentar o apoio social e a axuda mutua, e conseguir que as mulleres enfermas de cancro teñan unha mellor calidade de vida e benestar.

É unha labor difícil, que precisa dunha alta sensibilidade, e do apoio de toda a sociedade, que conseguen polo seu bo facer e solidariedade.

O colectivo humano que conforma Adicam consegue unha importante implantación social nos lugares onde actúan, porque ademais de persoas diagnosticadas de cancro, tamén atenden e colaboran coa asociación familiares de doentes, persoas que superaron a enfermidade, e todos aqueles que queiran axudar. Isto posibilita visualizar a enfermidade e concienciar a toda a sociedade de que coa axuda común o cancro pódese levar en mellores condicións.

Tal como amosa hoxe A porta aberta, en Adicam as accións materiais son esenciais pero hai unha parte inmaterial que coidan de forma especial, porque o ser humano é a materia do seu traballo.

Cada capítulo deste programa de Producións Celta adícase a unha asociación ou entidade, tratando de abarcar todos os sectores sociais.