A TVG2 emite hoxe, ás 21.30 horas, unha nova entrega do programa A porta aberta, un espazo de emisión diaria, de luns a venres, realizado por Producións Celta para a canle autonómica.

Neste capítulo tomarán a palabra representantes da Coordinadora para o Estudo dos Mamíferos Mariños (Cemma), unha entidade que ten como fin principal a protección e recuperación da fauna mariña nas nosas costas.

O programa, escrito e dirixido por X. H. Rivadulla Corcón, leva por título Dialogando cos mamíferos mariños e contará co testemuño de biólogo e voceiro da coordinadora, Alfredo López, co seu tesoureiro, o tamén biólogo Pablo Covelo, a responsable da unidade móbil da ría de Arousa, Uxía Vázquez, e o veterinario e voluntario da entidade Xavier Pin.

A Asociación Galega de Médicos Forenses protagoniza o capítulo deste mércores, que leva por título Ciencia para un mundo xusto. A emisión amosará a través das voces de Benito López, membro fundador da asociación e o seu primeiro presidente, Fernando Serrulla, o presidente actual, e dous dos seus socios, Juan Luís Gómez e Alberto Fernández, unha actividade profesional discreta pero imprescindible para a construción dunha sociedade democrática e xusta.

Asociados á realización de autopsias, as funcións destes médicos, según contan eles mesmos, van máis alá, ainda que sempre ligadas ás necesidades da actividade xudicial, polo que reivindican equipamentos e instalacións acordes co esixente traballo que lles toca facer.

O xoves tócalle o turno á Asociación Galega de Sumilleres, prescritores do viño en Galicia, que hoxe é unha potencia vinícola mundial. Falará o seu presidente, Juanjo Figueroa, entre outros.