A porta aberta ofrece esta noite (21.30 horas na TVG 2) o capítulo Federación de Asociacións de Mulleres Rurais de Galicia (Fademur Galicia). O rural con futuro no que varias das súas integrantes expliarán aos espectadores o traballo que desenvolve este colectivo así como os seus obxectivos e parte da súa historia.

O programa, elaborado por Producións Celta para a canle automómica, contará coas intervencións de Verónica Marcos, presidenta de Fademur Galicia; Cristina Pedreira, secretaria xeral técnica de Fademur Galicia; Ángeles Sánchez, presidenta da Asociación de Mulleres Rurais de Sobrado dos Monxes, e Carmen Abucide, tesoureira da Asociación de Mulleres Rurais de Sobrado dos Monxes.

O capítulo explicará que Galicia é unha comunidade onde o peso demográfico, económico e cultural do territorio e da poboación rural é moi elevado. Deste xeito, o medio rural ten características sociolóxicas e de condicións de vida distinta ás do territorio e a cidadanía urbana. Coa idea de aportar solucións que veñan a paliar os posibles problemas desta realidade diferente, operan neste ámbito distintas asociacións de mulleres, que se unen para traballar xuntas na Federación de Asociacións de Mulleres Rurais de Galicia.

O nacemento da Federación serviu para dar unha cobertura global aos traballos e actividades feitas polas asociacións que a integran nos distintos concellos. Tamén propiciou a contrucción dunha conciencia única sobre a realidade do mundo rural en xeral e, en concreto, das cuestións que afectan a aspectos específicos da mulleres, o que propicia un análise de conxunto sobre a realidade do rural galego e posibilita solucións comúns.