A porta aberta, espazo creado por Producións Celta para a Televisión de Galicia (TVG), adica a súa emisión de hoxe (TVG2, ás 21.00 horas) a dar visibilidade aos retos actuais do sector editorial en Galicia da man de tres representantes da Asociación Galega de Editoras.

Henrique Alvarellos, presidente da asociación e director de Alvarellos Editora; Francisco Castro, vogal e director de Galaxia; e Ana Guerra, vicepresidenta e directora de Edicións Obradoiro-Santillana, son os invitados do programa, no que falarán do seu compromiso na consecución do obxectivo de acadar lectores para o libro en lingua galega e proxectar a identidade cultural de Galicia de cada ao futuro.

Dende a asociación son conscientes do valor da tradición e do seu papel continuador do espírito de editores pioneiros como Ánxel Casal, fundador da Editorial Nós en 1927. En homenaxe a él, o capítulo de hoxe está gravado na Biblioteca Pública Ánxel Casal de Santiago.

Tamén na TVG2 (nesta caso, ás 18.00 horas), emítese hoxe un novo episodio de Grazas á vida, o programa de Producións Celta presentado por Noa García no que dous invitados que xa pasan a idade de xubilación rememoran a súa vida percorrendo algúns dos seus escenarios principais.

Nesta ocasión, os invitados son Lidia Raposo, fundadora xunto ao seu home d’O Barril, un establecemento hostaleiro que acadou sona en Vigo polas súas empanadillas e que hoxe herdou a súa filla baixo o nome A tapa do barril, e Simeón López, que traballou toda a vida como comercial da automoción e agora, xa xubilado, encontrou a súa paixón na bricolaxe caseira e a reparación de todo tipo de aparellos eléctricos.