Coa luz do corazón chega hoxe ao seu terceiro capítulo (19.45 horas, TVG) no que a protagonista, Corina Mañá, tras pilotar unha avioneta na primeira entrega e aprender técnicas de supervivencia na segunda, afrontará o reto de aprender a tocar a arpa. Elaborado por Producións Celta para a canle autonómica, nesta ocasión esta moza galega cega de nacemento contará coa axuda de Lorena Reinaldo, unha destacada música, luthier e intérprete de arpa.

Na emisión, titulada Paseando pola música, Corina explicará que a súa vida é un mundo sonoro e o son do mundo é unha linguaxe que entende. Ademais, a música non é unha descoñecida para ela xa que hi tres anos que empezou a aprender a tocar o piano. Agora tratará de facerse coa técnica instrumental da arpa. O acercamento ó instrumento parte da súa construcción. Lorena Reinaldo é luthier e tamén as fai polo que lle pode explicar a Corina a forma que ten unha arpa e as diferentes pezas que a compoñen así como o proceso de construcción. Deste xeito, os telespectadores poderán ver que as cordas son de diferentes cores segundo o son que emiten, algo que para Corina é unha dificultade. Ela mesma explica que no piano marcan as trécolas con pegatinas de formas distintas e na arpa poderiase facer algo semellante.

Coa luz do corazón conta neste momento coa visita de Paula Oaner, membro do grupo Lulavai, no que tamén toca Lorena. Vai buscar cordas para a súa arpa, que elaborou Reinaldo. Ao saber que as dúas pertencen a un grupo de arpistas, Corina interésase por saber máis. Así, aprende que fan música baseada na cultura celta, entre outras cousas. Chega entón o momento en que vai tocar a arpa, sempre coas ensinanzas que lle impartirá Lorena. Os seus coñecementos musicais e a súa intuición, que sempre sorprende, fan que en poucos minutos vaia comprendendo a técnica para tocar a arpa, e asombrosamente nunha breve xornada, a protagonista xa se atreve a interpretar unha peza, e é quen de tocar unha pasaxe de A Rianxeira.

O programa ten unha sorpresa para Corina: aparecen no taller de Lorena todas as compoñentes de Lulavai, coas súas arpas, e interpretan un tema para ela.