A historia dos Peña e dos Muñoz regresa á Televisión de Galicia (TVG), que con O Faro. O reencontro recupera para o gran público os protagonistas da ficción que hai anos conseguiu cativar durante 510 episodios unha ampla franxa da poboación galega e doutras comunidades autónomas, particularmente a catalá. A serie O Faro, que ademais foi emitida noutros cinco países, creou un forte vinculo cos espectadores e unha audiencia crecente e constante que chegou a acadar, no último capítulo, un 20’5% de share en Galicia.

Misterio, intriga, amor e humor son os ingredientes que compoñen este reencontro e que farán que os espectadores da TVG vivan semana a semana as emocións máis intensas. O Faro. O reencontro está formada por dez episodios de 50 minutos. A serie, que volverá emocionar e conmover a partes iguais, ofrecerá novas tramas con orixe no pasado e cun punto do xénero thriller.

Nesta nova etapa do serial, que esta noite se estrea na TVG con capítulo dobre, ademais de contar con Raquel Espada e Fernando Tato nos seus papeis protagonistas de Lucía e Ricardo, os espectadores tamén volverán ver a Belén Constenla, María Mera, Susana Sampedro e Adrián Castiñeiras, entre outros. Tamén se unirán ao elenco novos personaxes, que van ter moito que dicir nesta nova temporada.

O Faro. O reencontro comeza anos despois do punto en que quedara a serie. Os protagonistas volven verse as caras con motivo da ansiada voda dos seus protagonistas: Lucía e Ricardo, que os convocan a cada un por separado, o que resultará nun reencontro sorpresa para todos eles. Xuntos compartirán dous días de celebración que se presentan como un oasis de calma entre os conflitos cotiáns.