A Televisión de Galicia (TVG) ofrecerá hoxe o último capítulo da serie Operación Marea Negra, thriller inspirado polo suceso dun narcosubmarino que chegou hai uns anos ás costas galegas. No episodio que ofrecerá esta noite a TVG, os espectadores verán como Nando se fixo co camión de fentanilo e agora busca distribuidor. Mentres, João e Carlitos Mirando búscano a el. E é que a rei morto, rei posto.

Por outra banda, os espectadores da canle autonómica poderán seguir hoxe, en directo, o Debate Anual de Política Xeral, en que o presidente da Xunta, Alfonso Rueda, comparecerá no Parlamento para informar e debater sobre a situación da comunidade autónoma. Será o primeiro debate de Alfonso Rueda como titular do executivo galego e o último antes das vindeiras eleccións autonómicas.

O programa especial comezará ás 10.00 horas coa intervención de Rueda, tras o que, pola tarde, a partir das 16.00 horas, intervirán os dous voceiros da oposición. A sesión contará coa narración de Xesús Fontenla para a audiencia da TVG e con intérprete en lingua de signos. No estudio de San Marcos, Carlos Amado estará acompañado polas analistas María Cadaval e María Bastida.

Mañá non haberá sesión parlamentaria, ao ser a xornada para que os grupos políticos presenten as súas propostas de resolución, e o mércores, 11 de outubro, retomarase o debate coa votación desas iniciativas. Esta segunda xornada do Debate Anual de Política Xeral poderase ver en directo a través do portal g24.gal.