A CRTVG conseguiu 14 candidaturas aos Premios Celtic Media Festival, que se entregarán o vindeiro mes de xuño en Cardiff, a capital de Gales, no transcurso da 45ª edición deste prestixioso certame. Doce producións co selo da canle pública (a película O corno é candidata en dúas categorías) e a Radio Galega, nomeada a estación de radio do ano, competirán polos galardóns con propostas de canles como a BBC británica en Escocia, Gales e Irlanda do Norte, as irlandesas RTE e TG4 e France 3 Bretagne. Entre as candidaturas galegas atópase a do programa Coa luz do corazón, de Producións Celta, na categoría de mellor espazo documental de deportes.

Na categoría de animación foi nomeada O soño da sultá, unha fábula dirixida por Isabel Herguera e producida por Abano Producións. Esta coprodución internacional, con factura galega, foi o primeiro filme animado europeo en competir na sección oficial de San Sebastián e acumula galardóns a nivel nacional e internacional, incluíndo o premio á mellor longametraxe de animación que acaba de conseguir no Festival de Bruxelas. No apartado de factual entertainment (entretemento baseado en feitos reais) competirán dúas producións da TVG: Galicia Bonita e Unha historia de crimes. Ao premio a mellor serie dramática optará Operación Marea Negra, realizada tamén por Ficción Producciones. Outra das producións candidatas, neste caso na categoría de artes, será María Casares, a muller que viviu mil vidas, un documental sobre a actriz producido por Agallas Films e dirixido por Xavier Villaverde.

Na categoría de mellor documental competirá Galegos D’Ouro, sobre os galegos que contribuíron a construír a paisaxe do viño das ribeiras do Douro desde o século XVIII. O extenso abano de candidaturas da CRTVG inclúe tamén os programas Comisión de Festas, O mellor tractor do mundo e Pim Pam experimenta.

Coa luz do corazón, de Producións Celta, no que os espectadores coñecen a Corina Maña, unha muller cega que acomete diversos retos semanaris derrubando barreiras e ideas preconcebidas sobre a discapacidade, opta ao galardón de mellor espazo documental de deportes, e Ondas Novas é candidato a mellor espazo de música.