Toniño López, un dos membros fundadores do grupo Treixadura, actuará esta noite (22.00 horas) como padriño na cuarta entrega do programa da TVG Traes unha cantiga?, que se achega ata a taberna El Patio de O Grove. O músico acompañará ao xurado permanente do concurso —integrado pola cantante Sheila Patricia e Alfredo Dourado, de A Roda— na valoración dos cantos de taberna que interpretarán tres agrupacións da vila pontevedresa. O programa, realizado por Producións Celta e conducido pola presentadora Noelia Rey, permitirá escoitar aos grupos Os Firrás, A Banda do Sequio e Madialeva, que darán exemplo dos cantos que na localidade soan sobre todo na época do Nadal e no Entroido. Os Firrás naceu como grupo de cantos de taberna no 2016, pero varios dos integrantes xa estaban antes nunha comparsa do mesmo nome creada hai 40 anos. Nun inicio, cantaban habaneiras e boleros, pero, ao darse conta de que as novas xeracións non coñecían as pezas, foron mudando a outros estilos, como as cantigas de grupos como A Roda ou Treixadura. A cantiga elixida para o programa é A Dorniña peza popular de Manuel Uhía, un veciño de Portonovo, para a súa comparsa.

A Banda do Sequio está integrada por veciños do Grove, algúns procedentes de orquestras como Panorama, Palladium ou Costa Oeste. Uníronse no 2016, para participar no ciclo de cantos de taberna da vila do Grove, e foron medrando ata chegar a gravar un disco, Festa rachada, en 2018. A cantiga elixida para o concurso é Quen puidera namorala poema de Álvaro Cunqueiro, musicado por Luis Emilio Batallán en 1975. Madialeva foi fundado en 2010 por tres mulleres que escoitaban cantar ás súas nais dende moi pequenas nas sobremesas e decidiron poñer en valor a tradición feminina. Hoxe son 16, procedentes de diferentes localidades do Salnés. Cantarán A saia da Carolina, peza amplamente coñecida por toda Galicia e norte de Portugal.