Afecta a todo. Tras oito meses de estar sen traballo a cama xa non era un sitio grato de reunión para a parella. El non desexaba ter relacións sexuais. Sentíase anoxado, áspero, inútil. Aínda que non o dicía, sentía que non podería realizar o acto sexual axeitadamente. O problema de estar desempregado afectáralle a virilidade.

Este é o caso que lle pode estar pasando a moita xente. Non é nada novo. Problemas graves -perdas do emprego, enfermidade, morte de algún familiar, problemas económicos- poden causar preocupacións, sentido de inseguridade e depresión nerviosa. Estes sentimentos teñen un efecto deprimente na vida sexual das persoas. A razón: as cuestións sexuais son fundamentalmente emotivas.

Os expertos en cuestións mentais, psicólogos, psiquiatras, neurólogos..., aducen que é case imposible predicir ata qué grao unha crise, neste caso como a que estamos vivindo, pode afectar a sexualidade dunha persoa.

E por riba o ministro Blanco reflexiona en alto e di que posiblemente se lle teñan que subir máis os impostos ós ricos. Imaxínense se os ricos se volven impotentes con esta subida de impostos anunciada. E sincérase o ministro dicindo que non é posible manter unha política de engano masivo. A xente non comunga con rodas de muíño... hai que axustarse o cinto os que máis recursos teñen. Unha chamada á solidariedade.... A oposición di que isto é ir contra a liña de flotación das clases medias. Todos estes temas, desagradables per se, a persoa afectada por eles pode rexeitar as relacións sexuais; ou, durante pouco tempo, pode ser moito máis activa sexualmente, un paradoxo, por se este é o seu caso. Todo depende, por exemplo, da persoa, a situación e as relacións conxugais.

A perda de traballo é deprimente en grao sumo sobre todo para o home. Perde a súa principal ou única fonte de ingresos e vólvense negativas as súas reaccións emocionais.

O famoso investigador da mente humana Sigmund Freud, dixo que o traballo é factor central na existencia dun. Traballar ou gañar o sustento é un medio polo que o home demostra a súa condición de tal.

Antigamente o home podía traer o resultado da caza á mesa; hoxe trae o valor dun cheque como símbolo da súa capacidade.

Por ese motivo cando o home se ve imposibilitado de seguir facendo iso sofre emotivamente. É posible que dubide da súa masculinidade. E isto pódeo facer cambiar na súa vida sexual en forma temporal ou permanente. Hai formas distintas de actuar cando se perde o traballo sen seren culpables: O deprimido que desexa ser consolado, sentir a calor do corpo da muller na cama. E outro que perdeu tamén o emprego e que reacciona en forma distinta, dedicouse á bebida e a demostrar a súa aptitude sexual con outras mulleres. Ocultou a súa depresión coa bebida e a compaña feminina.

O éxito tamén pode producir ese efecto. O éxito trae consigo cambio na maneira de vivir á que un non está acostumado. Mentres se esforzaba por superarse nos negocios, ou na política, a súa vida sexual era satisfactoria, pero o trunfar nos seus plans sentiuse descontento coa súa muller, non cría que era suficiente para o compracer sexualmente. Ela sentiuse resentida porque el xa non era tan atento con ela como era antes. Como consecuencia disto a vida sexual de ambos quedou reducida a nada.

El tivo as súas preocupacións, derivadas no éxito obtido nos seus negocios, pois tiña medo que o fracaso podía xurdir con igual facilidade que o trunfo. Ademais desexaba que a súa muller mostrase máis admiración por el.

As relacións sexuais dunha parella e a súa relación no fogar están estreitamente vencelladas. Se hai lazos de amor verdadeiro entre os dous, nada grave poderá ocorrer nas súas relacións sexuais.

Cando nun matrimonio houbo conflitos como os que expuxen, o final non é pracenteiro se se prolongan demasiado, pero esa situación acostuma a ocorrer cando non hai comprensión no cónxuxe que debe poñer da súa parte para axudar ó outro. Moitas parellas saben cómo reducir ó mínimo as preocupacións que normalmente xorden.

Dese modo se evitan depresións nerviosas que invariablemente poden afectar a vida sexual. Un proceso favorable pode acelerarse en grao sumo cando en ambos cónxuxes hai íntima comprensión.

A muller comprensiva e atenta á dificultade que sofre o seu home poderá amortecer a forza do golpe e do posible fallo sexual.