Opoeta Marcos Ana cumpriu noventa anos. É probable que moitos e moitas descoñezan a figura deste autor. Marcos Ana, que leva este curioso nome no seu paseo polo mundo, debe esta orixinalidade aos seus proxenitores, Marcos e Ana. Escrebeu poemas desde sempre. Foi e é comunista. Comunista dos que odian, tanto como ao nazismo, os intentos que na URSS e nos seus países satélites deron lugar a brutais dictaduras. Marcos Ana foi o preso que máis tempo permaneceu retido nas cárceres de Franco. Sofreu tamén os campos de concentración fascistas onde asistíu ás torturas e aos asasinatos de tantos camaradas. Sempre vital, alegre e sensible, sobreviviu a aquel horror sen perder ningunha destas cualidades. Aínda que pareza mentira, Marcos Ana, segue sendo un home vital, alegre e sensible. É posible que a súa obra non chegue nunca aos libros de texto e ás enciclopedias. É o que leva gañado. Os seus poemas son aprendidos de memoria por outros escritores novos que os recitan nas súas reunións como homenaxe ao mestre e á humanidade. Falo de Marcos Ana porque estes días se está xulgando ao xuíz Baltasar Garzón nos medios de comunicación. Agardemos que o sentido común triunfe e non vexamos ao maxistrado sentado no banco dos acusados. E explícome. Vaia por diante que non simpatizo con certos procederes do xuíz estrela, que son os que o levaron a ser calificado deste xeito. Pero tentemos ver o labor de Garzón desde o exterior. No estranxeiro, Garzón goza dun enorme prestixio cimentado no traballo que vén desenvolvendo desde hai anos. Non digo que a Garzón non lle goste unha portada máis que un caramelo a un neno, pero lembremos que ten actuado contra ETA, contra o terrorismo islamista, contra o narcotráfico, contra as mafias asentadas en España, etc. Moita da delincuencia máis perigosa e destructiva durme nos nosos cárceres gracias ás ocurrencias deste xuíz que tantas antipatías esperta. Investigar os crimes do franquismo foi a pinga que colmou o vaso para algúns. Sobre todo para algúns compañeiros de profesión ciumentos da popularidade do seu colega. Consideramos normal que en Italia e Alemania se persiga todo o que cheire a fascismo e nazismo, consideramos xusto que se condene aos golpistas chilenos ou arxentinos, con todo, non asumimos a dor de moitas familias que en España queren enterrar aos seus mortos en sagrado ou xunto aos seus. Non estou decindo que se investiguen só os crimes do franquismo, senón tamén as fosas onde están sepultados aqueles que o bando republicano masacrou. A verdade é que cando un anda polo mundo tende a avergoñarse de ser español. Non facemos nada a dereitas, somos un país pintoresco, estrafalario, estravagante, extraño. Ademais non debemos esquecer que nós non tivemos unha guerra civil, tivemos unha guerra político-militar na que os civís foron as vítimas principais. Unha guerra como as que sempre teñen lugar en España, alimentada polas minorías ideoloxizadas. A maioría dos españois do 36 non querían a guerra. Só intereses político-económicos fixeron que os militares camiñasen ao lado do fascismo e derrubasen un governo legal. Logo disto veu o horror e ambas partes teñen moito do que avergoñarse. Sobre todo avergoñarse de ter asasinado a milleiros de inocentes que non apertaron endexamais nengún dos dous bandos. Tampouco, hoxe, a cidadanía quere o enfrontamento, a crispación, o desgaste, pero xa verán como levados por unha óptica de combate electoralista a curto prazo os nosos inútiles administrados son incapaces de chegar a un gran pacto de Estado para saír da desoladora crise en que vivimos.