Como ourensán levaba prendida esa faísca do nimbo de Auria, ledicia mesturada coa tristura do que matina e busca. Afiador de formas, profundador entre as negras sobras da Galiza, facéndose a si mesmo: liña a liña, mancha a mancha de cor, pincelada a pincelada, volvendo sobre o aprendido, desprenderse, repetir, tentar, buscar e atopar as súas posibilidades como debuxante, como creador, pintor e deseñador. E así, co seu saber ás costas entregouse a causas solidarias. Coñecémolo dende os rebeldes anos setenta, gañando concursos de cartelismo na Rúa de Petín, nas Xornadas de Cine de Ourense, no Carballiño? e sempre re-creando, teorizando tamén sobre os vellos códigos da tradicións, sobre Castelao ou Luís Seoane. Coincidimos en Ourense, arredor da agrupación cultural Auriense, cando fervía en ansias de sensibilización para entrar na democracia: Perfecto Antonio Estévez García, Millán Picouto, Marcos Valcárcel, Fernández Naval, Monxardín? espreitantes alumnos dun anovador catedrático de literatura do Instituto -o que, cando se asolagaba o Ribeiro do Miño co encoro de Castrelos, anos de provocacións- abría novos camiños pra entender que somo os actores da nosa propia Historia de Galiza, era Francisco Rodríguez Sánchez, atento a todo, o que tamén acometía ó Informe Dramático sobre la Lengua Gallega de Alonso Montero: un idioma non morre cando os falantes non queren i trenzan en harmonía teoría e praxe. Castelao, Marta Harnecker, Memmi, Wilhelm Reich, Beiras ... eran algunhas das lecturas. En todo acto público había o debate que falta hoxe.

Eran os anos e o Ourense no que morrían Otero Pedrayo, Ferro Couselo... cando tamén se albiscaba a luz do fin do longo túnel e se anovaba o herdo, cando a tradición das tertulia saía de ilustradas catacumbas de viño e palabra, O Volter . Sempre arredor de Nós, da Galiza. Naqueles anos Perfecto animou e uniu a creadores, fundou os grupos Galrexo, Galicia Imaxe, e sempre se sumou e participou en colectivas, homenaxes, con cartafoles e cartaces da súa autoría, anunciando, normalizando...

Coincidimos novamente na Coruña con Perfecto Estévez. "Na fronte unha estrela, no bico un cantar..." dende células partidarias participamos no renacer do periódico semanal A Nosa Terra, pedimos colaboracións ós artistas e temporalmente fixemos posibles realidades, nas que tamén estaban moitos outros creadores. Luís Seoane, nos seu derradeiro ano de vida, escoitou e prestounos auxilio. Lembrarei sempre a Pepe Barro, a Xurxo Fernández? outros dos bos creadores e deseñadores que logo, buscaron vida e repartíronse pola xeografía creativa do país. Nesas mesmas ansias naceu a asociación cultural Alexandre Bóveda, entre moitos outros con Pilar García Negro, Cesáreo Sánchez, Carlos Vales, Tello, Perfecto... estaban aquí, a un tempo que se facían panfletos, pancartas? eran os anos do Moncho Valcarce Vega, crego, voz popular dos labregos das Encrobas, de Baldaio... cando en Xove se proxectaba unha nuclear... a boa man e rotulación de Perfecto Estévez, o dominio do lapis, das plantillas, do pincel, do aerógrafo ou do aerosol, deixábase ver. As pancartas eran cadros con frases e símbolos, e así se foi configurando a súa arte, influenciada polo pancartismo e o grafiteo. Sabeo ben Manuel Lourenzo, Santiago Fernández, Pillado Mayor, das artes escénicas, cando na Coruña creaban unha sala de teatro estable co nome de Luís Seoane, entón Perfecto Estévez pon a súa man para dar unha nova imaxe, identidade de Galiza: facianas con ollos ben abertos, espreítantes ó infindo, ollos como os que pinta Díaz Pardo. E sempre, por derriba de todo, soles, espirais que nacen de fouciñas e se fan estrelas. Grafismo, xestualismo poético, figuración deformada, abstracción, experimentación coa mancha, a liña, as combinacións xeométricas.... tenta non perderse en estéticas, senón afondar na ética. Arte solidaria, compromiso no Fronte Cultual, coas Xornadas do Ensino de Galicia, no deseño de libros, o éxito da Historia de Galiza da A.N.P.G , en moitas obras de Manuel María. Arte que nacía e se facía das limitacións de recursos. Para pagar unicamente coas grazas... e ás veces nin con eso. Moitos temos cousas del, para ser como unha bandeira, un berro, unha xanela aberta á vida, a Galiza, unha permanente chamada a ser e a estar na terra e no tempo.

Hoxe ensombrecidos pola grandilocuencia imperante que obnubila a nosa Historia están os creadores dos anos setenta, a arte e o compromiso, cando se sementaron tantas cousas. Era imprescindible nese tempo e hoxe Perfecto Estévez.

Seguímolo en diferentes empresas, como creador e axente publicitario, con encargos para a editorial Espiral Maior, para a Universidade da Coruña.... a súa ansia creadora non se paraba no lenzo, nos tubos de acrílico ou no que se merca nas droguerías. Sabía que o creador bástalle calquera cousa para improvisar algunha creación: o ordenador, as novas tecnoloxías abren a novos horizontes, e neso estaba, como sempre, re-creando sobre o enigma da liñas, as mesturas da cor, procurando impactar, comunicar, aguilloar. E sempre Galiza na espiral.

Leal á Terra, ós amigos, á casa, á súa compañeira Iolanda. Perfecto Estévez, creador de estrelas en ceos azuis sobre a imperfección da terra, agradounos e agrandounos a vida , faísca de luz que forma parte de Nós.

Felipe Senén É Museólogo E Técnico De Xestión Cultural