Ó16 segue o 17 e ó hoxe segue o día de mañá, establecido dende 1963 como o "Día das Letras Galegas", coa súa figura homenaxeada que neste ano é Uxío Novoneyra, o poeta que universalizou o Courel...e pasadomañán, o 18 de maio, no calendario dos "Días Internacionais", está dedicado polo ICOM e dende o ano 1977, como "Día Internacional dos Museos". O obxectivo para esta xornada é reunirse ó redor destas institucións para afondar sobre seus fins e á luz dun lema que para esta ocasión un comité consultivo propón o de "Museos para a harmonía social". Non está mal a frase e o precepto para matinar e sobre todo para practicar. Polas vías de comunicación a sociedade acelérase cara á globalidade, deixando na cuneta a uns, provocando desequilibrios, marxinación entre outros. O de harmonía sona a música celestial de arpa. A devandita declaración de principios arguméntase en que "os museos son un medio importante para os intercambios culturais, para o enriquecemento das culturas, para o avance do entendemento mutuo, da cooperación, da paz entre os pobos" e bla, bla, bla...: diálogo, tolerancia, convivencia, desenrolo baseado no pluralismo, na diferencia, na creatividade, todo a fin de entenderse pero distinguíndose . Buscar o común pero conservado a identidade, a diferencia na pluralidade. Palabras cargadas de futuro, pero de momento discurso para cubrir o trámite da cerimonia dun día, fronte a esa outra realidade, a do tiránico capricho dos megalocentros, nacidos na nada creativa secuencia da imitación e da competencia dunhas cidades coas outras, para logo non saber o que poñer, facer, e menos como xestionar semellantes dinosauros para entregarlle e crear vida ó seu redor.

O lema preséntase neste día con toda a grandilocuencia que requiren as cerimonias. Botafumeiros que non deben ensombrecer os outros fins dos museos, o acopio e a salvagarda de patrimonio, etc: "Museos e harmonía social" . Como todo é relativo contrastamos co estado da cuestión nesta nosa particularidade, onde as tres universidades -as que deberan regar universo sobre a realidade e o futuro- aínda non asentaron a especialidade de Museoloxía en Galiza. Ciencia que tanto supón para a identidade como para a dinamización dos contextos nos que se asentan estas institucións, para a xestión desa fonte de recursos que é o museo, tan en relación coa educación e o turismo. O museo que é continente e contido signico, atrae, e debe estar preparado para satisfacer as necesidades dos seus visitantes, para particularizalos, entregarlles humanismo e facer deles actores máis que espectadores. En torno á formación dos profesionais da museoloxía e da súa actividade nace unha serie de industrias : especialización de arquitectos, conservadores, deseñadores, mobiliario, iluminación, sistemas audiovisuais, audioguías, de conservación, bibliografía, merchandaising....non temos máis que observar o que acontece en Cataluña, a onde acoden os nosos estudiantes para especializarse, para facer masters sobre museoloxía, con proliferación de deseñadores, eventos, ofertas e tamén empresas sempre atentas ó mercado e ás convocatorias de Galiza.

Tempo de encrucillada entre as diferentes vías da comunicación, polas que se aceleran as relacións espacio-tempo: idades, etnias, culturas, relixións, clases... Como obxectivo e sobre todo sempre debera estar a persoa, o humanismo, a dignidade dos seres racionais, esa filosofía na busca de cousas tan sutís e fráxiles como a verdade e o ben, tratando de tender pontes de encontro e respecto. A cada intre o reto dun esperanzado novo futuro. Velaí a beleza deste noso mundo, sempre en devalar para enxergar e asombrar. Universo que nos empeñamos en empobrecer en uniformar a golpe de supermercadeos. As individualidades reúnense e concordan nestes días de cerimonia, para repetir mensaxes como compromiso social, eliminar barreiras, evitar os desequilibrios co medio ambiente, coa sociedade, coa tradición, entre un e outro punto cardinal. A pretendida harmonía social está en atoparse ben nas relacións con un mesmo, cos demais e con ese escenario común que é a natureza. Así se constrúe a cultura, como unha resposta colectiva, a que os seres humanos damos para resolver os problemas entre nós e o medio no que vivimos. Así seguimos abrindo camiños, imos facéndonos sociais e polo tanto políticos, limando e fendendo o primitivo egocentrismo. O respecto ó traballo dos demais faise imprescindible nesta estructura na que todos necesitamos de todos na aventura do fráxil planeta Terra sobre a infinitude do cosmos. Cómpre artellarse na interdisciplinaridade, no interculturalismo, na interacción. Pero para eso están as políticas de gobernos, en ocasións incapaces de entender o que significa un museo hoxe, persistindo na limitación das orelleiras: un expositor de cousas.

Os fins esváense tamén entre os incensos, caramelizados e comercializados en slogans e fraseoloxía. A institución do museo nace e desenvólvese para preservar e transmitir, de xeito integral, aspectos da vida, a fin de educar no disfrute e non repetir erros en camiños que deben ser de madurez . Buscar o equilibrio entre todo, tamén entre o ocio e o negocio, informando, formando... Entendido así concluímos con esa frase feita de que o museo é un axente do cambio... o que depende das facilidades políticas e do maxín dos seus xestores. Sociedade en desequilibrio, tamén entre a razón das teorías e a realidade dos feitos, por eso tantas máximas e días-esquela, recordatorios que para algo terán que valer.