A homenaxe ó creador John Berger que tivo lugar o mércores 30 de xuño no antigo cárcere d´A Cruña deveu nun acto aínda máis intenso do que esperabamos; algo que, estou ben certo, lle tería gustado ó propio Berger de ter podido asistir. Era imposible estarmos alí, apalpando ises muros, ises barrotes tralos cales centos de mulleres e de homes padeceron cativos, esfameados, humillados, torturados, paseados, sen sentirmos a necesidade imperiosa de dignificarmos e proseguirmos os seus legados; de devolvérmoslles a voz a tantísimas e tantísimos mortos e ausentes que, abofé, non viviron, loitaron e morreron pra acadar o que hoxe temos (unha monarquía supostamente parlamentaria e realmente corrupta e vendida ó capital) senón por outros ideais infinitamente máis nobres, máis altos. "E pra iso —dixemos ós presentes, máis de duascentas persoas—, pra transformarmos a sociedade tal e como elas e iles querían, debemos denantes transformarnos nós", xa que sen revolta interior non hai Revolta que valla.

Mentres soaba a música de Berrogüeto, mentres ecoaban os versos de John Berger e os nosos, eu tiven a sensación de que, á fin, un outro anaco da nosa terra fora liberado. E que de seguirmos así, liberándonos nós a nós mesmos pra, asemade, irmos liberando, anaco tras anaco, cada cuarto, cada casa, cada leira, cada costa, cada aldea, cada vila do noso, nun sol interminable de círculos concéntricos, talvez chegue o día en que Galiza consiga integrarse no mundo coma unha comunidade plenamente libre. Libre entre os demais países libres, entre os pobos da humanidade sinceramente irmandados.

O artista Tono Galán, amais de aportar ó acto unha escultura xamánica dedicada á Deusa Terra, aproveitou a ocasión pra filmar os visitantes preguntándolles cál sería, consonte iles, o uso máis axeitado que poderiamos darlle a esa prisión pola que pasaron incontables compañeiros de tódalas siglas de esquerda (o derradeiro Francisco Rodríguez, que sufriu un mes de condena en 1989). E creo non trabucarme afirmando que Manuel Rivas, ó pechar o concerto, manifestou a opinión xeral a ise respecto. Que semellante locus horroris só pode ter tres fins axeitados e compatibles: devir nunha sorte de centro cultural libertario, tipo a Casa das Atochas, en Monte Alto, aberto a toda caste de manifestacións artísticas, e, asemade, albergar un museo dedicado á memoria das vítimas da ditadura franquista e outro dedicado á historia do Faro que, durante décadas, simbolizou a esperanza pra aquelas e aquiles que ollaban a súa luz dende as tebras. Calquera outro fin contrario a ises, calquera outra iniciativa de índole capitalista (como converter o cárcere nun parador de luxo) sería un insulto, unha traizón ó que fomos, ó que somos e ó que aínda habemos ser.

P.S. "Todo usurpador fará o que estea na súa man pra conseguir que esquezamos que il vén de chegar", pode lerse nunha parede da exposición From I to J. Pero nós non esquecemos. NON DEBEMOS ESQUECER.