. n datas recentes, inteirámonos de dúas noticias que nos oferecían un acusado contraste e que cómpre lermos en paralelo. Dunha banda, o Bloque Nacionalista Galego organizou unha viaxe en tren A Coruña-Ferrol, con presenza do seu portavoz nacional, Guillerme Vázquez, cargos públicos desta formación e moitos militantes. O traxecto dura non menos de hora e cuarto-hora e media. Xusto na mesma data, con toda pompa e boato, presenza do Xefe do Estado, Presidente do goberno español, das Comunidades Autónomas de Madrid e de Valencia, ministros e acólitos varios, procedeuse á inauguración solemne do tren de alta velocidade entre estas dúas capitais, que distan máis de 350 quilómetros e, agora, ficarán unidas nun tempo de noventa e cinco minutos. Pouco despois, coñecémos a nova de que o ano próximo suporá a suba de varios servizos fundamentais, como a electricidade, e, tamén, subirá o pagamento das portaxes da autoestrada A-9, co cal o custo do traxecto A Coruña-Vigo máis o gasto do combustíbel correspondente ultrapasará os trinta euros, situándose nunha cifra semellante ao prezo -promocional- da mencionada viaxe en AVE entre a capital do Estado e a do Turia. Aforro calquer comentario comparatista, para non ofender a intelixencia dos leitores e das leitoras que este artigo tiver. Só direi que está moi requetebén -faltaría máis!- que os galegos todos, tamén no século XXI, seguindo unha vella tradición, axudemos a pagar a rápida visita ao mar e ás praias do Levante dos habitantes de Madrid, que aturan temperaturas ben altas no verán; igualmente, recordarei que os galegos viñemos a este mundo para favorecermos os intercambios comerciais e de todo tipo entre o centro e o leste da Península. Fiquen para nós as viaxes "ecolóxicas", con tempo demorado para vermos a paisaxe e desfrutarmos dela.

De modo e maneira que, como escrebo este artigo entre dúas datas sinaladas do Nadal, a dos Santos Inocentes e a de Reis, vou compor a miña listaxe particular de inocentadas, que tamén poden ser interpretadas como agasallos de Reis nunca existentes:

1ª. A viaxe en tren A Coruña-Ferrol fica reducida a vinte minutos.

2ª. O pagamento das portaxes na viaxe A Coruña-Vigo, pola A-9, reducirase á metade nos días impares para o traxecto de Norte a Sul e nos días pares á inversa.

3ª. O goberno galego estabelecerá un plano educativo de emulación do seu homónimo extremeño e realizará contactos efectivos co goberno portugués a fin de que a lingua, a radio, a televisión e e a cultura do país viciño tomen asento natural na Galiza.

4ª. Os poderes públicos declararon o estado de alarma á vista do elevado número de mulleres mortas polo feito de o seren no ano 2010 (71).

5ª. Unha noticia espectacular, nunca vista, se anuncia: unha multitudinaria manifestación masculina para protestar contra o que algúns conxéneres executan no corpo de mulleres que consideran a súa propriedade: maltrato e morte. Os miles de manifestantes que se prevén -a teor das numerosas organizacións convocantes- afirman querer desmarcarse claramente de semellante brutalidade.

6ª. Os poderes públicos españois recoñecen que a Galiza ten dado moito máis do que recebido deles mesmos, polo que deixarán de propalar a coñecida versión de que nosa terra é un país necesitado de subvención permanente.

7ª. O Presidente da Xunta de Galiza, após ler as Memorias de Jordi Pujol, ficou impresionado pola profundidade do sentido catalán do ex presidente da Generalitat, foise confesar axiña co arcebispo de Compostela, por pecado de lesa galeguidade, e ambos acordaron facer conxuntamente un peculiar Camiño de Santiago, a dar voltas pola nación galega, para expiaren o pecado de esqueceren que a Galiza e a súa lingua son tan dignas como a lingua en que o Nazareno predicou e o pobo a quen se dirixiu.

8ª. Unha lei orgánica do goberno español promulga a desaparición das provincias. A Coruña, Lugo, Ourense e Pontevedra só serán, de aquí en adiante, os nomes das cidades corrrespondentes.

9ª. As autoridades españolas fan público o seu repudio enérxico dos intentos da Embaixada norteamericana de determinaren ou de condicionaren a política interior española.

10ª. O plenario da ONU, antes da súa disolución, aprobou por maioría que as multinacionais están obrigadas a pagaren o mesmo salario nas metrópoles e nas colonias ou ex colonias.

Feliz 2011!