Proseguimos a nosa andaina polo xogo da estornela, desviándome a outra temática menos acostumada (como animaba o meu vello amigo melidense), pero tendo sempre a Galiza no meu espirito (ver LA OPINIÓN do 27 de Marzo).

A antigüidade remóntase á Idade Media onde foi un xogo moi popular. A billarda aparece xa citada na primeira metade do século XIII no Libro de Apolonio (anónimo) e nas Cantigas a Santa María de Alfonso X O Sabio, escritas en galego; a lingua lírica da península Ibérica.

Pois como é sabido, dende o século XI ao XV, Europa entesta na Galiza; o seu eixo é a galaxia no ceo e o camiño acombaixo que toupa e morre neste cabo do mundo; e nas bocas dos falantes galegos, xente inqueda e con pulos, que fan ou desfán na política ou na cultura, o idioma, nidio reflexo de ánimas non fendidas, non disociadas antre a ilustración e a vida, acada, a máis unitaria, a máis inxel e millor forma súa, na expresión quer oral, quer escrita. Troveiro é o Almirante do Mar, e a grande e Xeral Historia -a toma de Sevilla dos mouros- ou o argallar da cousa pública -a rexouba de El Rei- enléase doadamente nas súas cantigas aos laios saudosos de amor da que despediu no porto as naves e froles do seu amigo pontevedrés Paio Gómez Chariño.

Daquela, verdaderamente, tódalas aves do mundo en galego de amor cantaban, tódalas aves do mundo en galego de amor dicían... (Isidoro Millán G. Pardo).

Quizáis a cita da billarda tomada de textos do século XIII, proveña das cantigas profanas de El Rei Sabio. Ao estar este xogo recollido na primeira metade do devandito século no Libro de Apolonio, fainos pensar que o xogo practicaríase e estaría arraigado moitos anos antes. Podemos falar, polo tanto, dun milleiro de anos de práctica na Galiza. É moi probable que se introducira a través do Camiño de Santiago. Alfonso X O Sabio naceu en Toledo en 1221. Seica pasou parte da súa nenez na Galiza, en Maceda (Ourense), onde aprendeu o idioma galego e coñeceu o xogo da billarda. A cita dunha carta e unha poesía, remitida por un grupo billardista á páxina semanal de Méndez Ferrín, evocou no autor deste artigo: ¡Oh témpora!, ¡Oh mores! De súpeto un sopro de vento bretemoso levoume ó lugar onde se foron acougando os anos e xogos infantís da nosa existencia, durante os primeiros anos da posguerra incivil española. Pero ista acordanza da estornela non sería motivo de comentario nen de publicación, a non ser polo feito que compre suliñar: a billarda xogouse no centro da Coruña e tamén, supoño, nos arredores que forman a cidade herculina. Si; no hoxe Wall Street financieiro coruñés; é dicir na rúa de Durán Loriga que vai dende Juana de Vega á rúa de Santa Catalina, ao pé do Cantón Grande.

Repito: alí xogouse á billarda. Suliñoo sobre todo polos renegados e polos novos aspirantes a pisar alfombras e ter despachos en María Pita; pequenos papaleisóns a prol da cidade-estado; fans de todo o alleo e analfabetos de canto representa a cultura propia que singulariza ao noso país no mundo.

A tribo de nenos da Alameda (dos sete aos doce anos) formaban capelinas que duraban un suspiro, pois tal neno era un c... ou un filio de p.. A escola da rúa completaba e suplía aos silencios da casa sobre determinados temas. Os meninos aprendíamos a defendernos sos; e tódalas pillerías do mundo. A xogar ao aire ceibe e puro.

O chan central da calle Durán Loriga era de macadán, apropiado para xogar á billarda naquel largado espacio. Para o meu recordo infantil os mellores xogadores da billarda, coñecedores das regras do xogo, da estornela, foron Paco, o coxo (un rapaz maior da Alameda de abaixo, do que non volvemos a ter noticia), e Fernando Rodríguez Amor (Nando). Por certo, o amigo Nando foi inxustamente tratado polo noso grupo da Alameda. Nunca esquecín nin olvidarei a escena no propio portal da súa vivenda. Sirvan istas liñas de desagravio sinceiro como asistente pasivo.

Pero acó no chan dos nosos trasavós, por diversas causas históricas, custa ser un mesmo. Agardemos que algún día "as nosas vaguedades, cumprido fin terán", que cantou Eduardo Pondal, é dicir, debe ser imperativo positivo a fin de non agachar o noso mesmo eu colectivo.

O tempo cósmico é a eternidade; non é doado comprender pola mente humana. E ó mesmo tempo prehistórico e histórico esvaécenos das mans sen nos decatar; algo semellante como o eco do canto do cuco durante o tempo primaveral nas fragas e outeiros da terra galega. Miles de civilizacións, culturas e pobos foron engulidos dende o Neolítico sen historiar a súa creatividades, as súas miserias, as súas loitas, a súa impronta urbana, a arte, ritos, cantos populares, a lingua... Aínda hoxe, malia existir organismos intemacionais como a Unesco, aquí en España, calquera que recorra vilas, rueiros e aldeas abandonadas quedará asombrado da perda do patrimonio material e espiritual. O tempo devórao todo, dixémolo xa.

A billarda practicada en Durán Loriga, acompañáronna outros xogos: ovo, pico e araña; o guá; a galope (o preferido polo narrador); o frontón (na ponte do edificio da ex Delegación de Facenda); carreiras de velocidade, etc. Pero o xogo rei, o preferido polo fato da Alameda, foi o fútbol; existiron dous equipos de infantís (non federados) en distintos anos. O primeiro arredor dos anos 1944/46 con nenos de 8 a 13 anos, e o segundo con mozos durante 1949/50. Tamén temos novas de que houbo outro equipo infantil durante a República.

A billarda está en alza, espállase por doquier: Asturias, Salamanca, León, Burgos, Portugal, Canarias, etc.. En Lugo celébrase un torneo da Liga Nacional de Billarda, e conta co patrocinio da Diputación provincial.